“Á diferenza doutros candidatos e candidatas, Alfredo si está a pé de rúa coa xente, e sobre todo coa mocidade”, aseguraba o escretario xeral das Xuventudes Socialistas (XSG) do Barco, Adrián Borrajo, na xuntanza que o cabeza de lista do PSdeG-PSOE neste municipio e actual alcalde, Alfredo García, mantiña cun grupo de mozos na tarde do 19 de maio no Restaurante Fernando III. Un encontro denominado “De cañas con Alfredo” e no que o alcalde falaba coa mocidade e escoitaba as súas inquedanzas e dúbidas.
Nesta xuntanza tamén estivo o secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia, Aitor Bouza, quen destacou o labor feito por Alfredo García e a necesidade e que “a xuventude se mobilice para volver ganar no Barco”. Pola súa banda, Borrajo engadía que “somos unha organización que se preocupa polos problemas da xuventude e que non saímos só á rúa cando hai que pedir o voto como fan outras formacións xuvenís”, destacando que “nesta campaña son inexistentes e falan de mocidade sen estar con ela e sen saber de primeira man as necesidades dos mozos e mozas barquenses”.
Neste encontro os mozos presentes transmitíanlle a Alfredo García inquedanzas relativas a biblioteca, escolas deportivas, actividades do concello enfocadas á xuventude, pedindo mais oferta. Tamén se tratou o tema do transporte tan necesario para os estudantes. O candidato socialista recolleu as peticións e aproveitou para expoñer o que se fixo nos catro anos de mandato.
Dende XSG asegúrase que “esta lexislatura vai ser tamén a lexislatura da xuventude, porque o Partido Socialista e o alcalde Alfredo García ten proxecto para a mocidade e deste encontro sacaronse máis ideas para a cidade”.
Fotos cedidas.