ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A moda e a arte, protagonistas da Pasarela do Barco Centro Comercial Aberto 2022

Unha vintena de establecementos participaban no desfile presentado por Eva Iglesias, colaboradora do programa 'Land Rober Tunai Show'

 

Despois de dous anos sen poder celebrala pola crise sanitaria e tras semanas de intenso traballo por fin chegaba a data. Na noite deste sábado 9 de abril a céntrica rúa Academia Dequidt do Barco acollía a Pasarela de Moda 2022, a máis esperada e a máis artística.

 

OrdeCaos facendo o mural de Florencio Delgado Gurriarán.

 

Da man do Centro Comercial Aberto O Barco e presentada por Eva Iglesias, colaboradora do programa da TVG Land Rober Tunai Show, ao longo de case dúas horas desfilaron pola pasarela máis de 50 modelos, todos afeccionados (algúns deles seleccionados nos castings previos), amosando as novidades do sector téxtil e complementos dunha vintena de empresas asociadas, entre elas o Periódico O SIL: catro comercios de moda infantil, nove tendas de moda de adultos, catro establecementos de complementos e unha clínica veterinaria, apoiando así publicamente unha das campañas comerciais que reúne a un maior número de clientes.

 

A xerente do CCA O Barco, Ainhoa Carracedo.

 

Nesta esperada edición a pasarela contou con moitas novidades (cambio de data, pasando do outono á primavera; de ubicación, pasando da praza do Concello á rúa Academia Dequidt; a participación de mascotas,…), destacando o protagonismo da arte en forma de homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán coa elaboración en directo dun mural por parte do artista vilamartinés OrdeCaos e coa presentación dunha liña de prendas artísticas da pintora ruesa Carina Rodríguez.

 

 

Segundo o previsto o evento comezaba ás 20:30 hoas coa aparición sobre a pasarela da presentadora, que en clave de humor daba a benvida ao numeroso público que enchía a rúa e toda a praza Andrés de Prada, así como aos protagonistas da noite: os comercios e os modelos. Dividido en catro peses, os primeiros en desfilar eran coma sempre os nenos, con prendas de O Bambán dos Sorrisos e Modas Toño; Dulce Bebé; Marylebone; Koki; e Casabella. No segundo pase, xa de adultos, desfilaban Baamonde; N37; Can Can; e Ana Óptica.

 

A exmodelo barquense Diana Ortiz, tamén desfilou.

 

Mediado o desfile, o artista OrdeCaos comezaba a elaborar in situ un retrato de Florencio Delgado, o homenaxeado das Letras Galegas 2022 mentres pola pasarela desfilaban Ton y Son; Miranda X co Xornal O SIL; e Trios 2.0. O cuarto e último pase era para Garoba; Eneska; e Pizpireta con Multiópticas Valdeorras.

 

 

O broche a tan especial noite poñíao a presentación da outra artista da noite, Carina Rodríguez, apaixoada da pintura dende nena que amosaba aos presentes parte da súa colección de roupa pintada por ela mesma. Prendas artísticas e únicas coas que desfilaban a propia artista, a presentadora e o presidente e xerente do CCA Jacobo Arias e Ainhoa Carracedo. Sobre a pasarela, era o propio Jacobo quen daba as grazas ao público por asistir así como todos os colaboradores que fixeron posible o acto. “Foi o noso primeiro desfile polo que rogamos desculpen os posibles fallos”, dixo emprazando aos asistentes ao vindeiro ano. A presentadora, pola súa banda, tamén daba as grazas por contar con ela. “Grazas por estar e a vivir que son dous días”, dicía a modo de despedida.

 

 

 

 

Fotos: Ángeles Rodríguez/ Carlos G. Hervella

Vídeos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button