En portadaSen categorizarÚltima hora

A mostra “Ardexarxe”, que pon en valor a la galega e coa que colabora a Granxa A Ciruxana, inaugurarase o 24 de xaneiro en Narón

Reúne pezas duns 22 artesáns de varios países e abrirá as súas portas ás 12h. no Pazo da Cultura de Narón

 

Tradición, artesanía e la galega. Unindo estes tres elementos con traballo, esforzo e un gran entusiasmo comezaba a xestarse alá pola pasada primavera o proxecto “Ardexarxe”, que hoxe é xa unha realidade. A iniciativa que aposta por amosar a calidade, tradición, versatilidade e posibilidades da la galega, ten sido impulsada por Teté Mareque unha artesá e fiadeira de San Mateo (Narón), con especial paixón pola la de ovella galega. Un día, por casualidade, atopaba en internet unha referencia sobre a Granxa A Ciruxana (Viana do Bolo-Vilariño de Conso) e contactaba co seu responsable, Xoán González.

“Contactei con Xoán e pregunteille que facía coa la, se a tiraba e díxenlle que eu a quería para fiar. A el encantoulle a idea e quedei en ir a recollela unha vez a esquilase. E así foi, tras a Semana Santa fun á súa granxa, coñécemonos persoalmente. e trouxen 200 e pico de quilos de la, moita cantidade e dunha calidade super. Entón pensei que isto había que compartilo e abrilo a outros artesáns e así empezou a xestarse, pouco a pouco, o proxecto. Primeiro incorporouse unha amiga que traballa o coiro e que pensou en facer un bolso con la, e logo comecei a falar con outros artesáns”, conta Teté Mareque, que ademais incorpou a la da Granxa Caxigueira de Ortigueira. A partir de aí ían producíndose novas incorporacións ata chegar a 22n artesáns, algúns de países como Polonia ou Bulgaria.

O proxecto Ardexarxe (que toma o seu nome da localidade vianesa onde está a Granxa A Ciruxana) aposta por amosar as propiedades e calidade da la de ovella galega. Nel cada artesán, coa súa técnica (dende fiado ata decoración, cestería ou pintura) e estilo, emprega a la como material para crear unha serie de pezas que se amosarán nunha exposición, que se inaugurará o vindeiro 24 de xaneiro ás 12h. na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Narón. Leva por título “I Mostra Multiartesanal e Cultural Concello de Narón”. Trátase de la procesa artesanalmente e interpretada con diferentes técnicas artísticas.

Con esta iniciativa búscase amosar o valor, posibilidades e propiedades deste material natural. “Todo isto mountouse en cousa dun mes e de forma case espontánea e resultou unha explosión. Estou moi agradecida pola acollida, o proxecto medrou cun gran entusiasmo e conexión, nunca vin a máis de 20 artesáns traballar co mesmo material”, en palabras de Teté Mareque, quen se pregunta como é posible que a un material como a la, que hoxe é considerada un residuo na gandería, non se lle estea dando valor, “véxolle infinidade de aplicacións, non sei como isto se pode destruír así”.

 

 

Nesta iniciativa van da man artesáns e gandeiros, xa que coa mostra colaboran a Granxa A Ciruxana e a Granxa Caxigueira. Ademais conta co respaldo da Asociación Cultural Camiño da Artesanía.

Imaxes cedidas por Teté Mareque.

Artigos relacionados

Back to top button