Durante a intervención arqueolóxica realizada o pasado outono no xacemento castrexo do Castrillón (Larouco), os investigadores de Xeitura Coop. S. Gal recollían, nunha das sondaxes, mostras dunha das cepas enterradas, que foron levadas á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), en Leiro, para o seu estudo.
Da análise desta mostra ocuparase un dos servizos de asesoramento do departamento de Viticultura da Evega: a área de identificación de variedades. “O que ten a Evega no seu poder é un anaco de madeira desa cepa, que está morta, e o que se vai facer con ela é, en primeiro lugar, tratar de extraer o ADN desa madeira e, despois, se é posible, identificar a variedade ou a súa relación con algunha das variedades ou troncos familiares que temos aquí”, explica o director da Evega, Juan Manuel Casares.
Ao longo do ano son numerosas as consultas, especialmente de viticultores, que se reciben na área de identificación de variedades da Evega para, por exemplo, determinar se as castes que mercaron se corresponden realmente coas que eles solicitaron.