CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A música en directo volve á beira do río, no Barco, co SilFest Valdeorras Lite

Celebrarase o 28 de agosto coas actuacións de La La Love You, Nunatak e Apartamentos Acapulco

SilFest Valdeorras 2019./ Foto: Alba Prada.

 

Este ano non se celebrou a esperada edición do SilFest Valdeorras. A situación sanitaria non o recomendaba. Pero dende a organización non queren deixar aos afeccionados sen música á beira do río neste verán e por iso idearono SilFest Valdeorras Lite, o irmán pequeno do festival multicultural. Un “evento musical, único e adaptado á situación actual, que devolverá a música en directo á praia fluvial do río Sil, ao seu paso polo Barco e en pleno Camiño de Inverno”.

O SilFest Valdeorras Lite é un concerto de catro horas de duración que reunirá a tres bandas de primeiro nivel no panorama indie nacional: La La Love You, Nunatak e Apartamentos Acapulco, que se subirán ao escenario o sábado 28 de agosto a partir das 19 horas.

Como é habitual, a Asociación Cultural SilFest mantén o seu compromiso co viño de Valdeorras que estará presente no noso evento. O público poderá gozar da mellor música degustando un viño da Denominación de Orixe Valdeorras. “Tamén apostamos pola cultura segura, por iso o SilFest Valdeorras Lite cumprirá con todas as medidas de seguridade vixentes”, aseguran.

 

 

Así, cun aforo moi limitado, os asistentes deberán acceder ao recinto e sentar de forma individual, ou ben en grupos de dous, catro ou seis persoas. “O público deberá permanecer sentado no seu asento asignado e coa máscara obrigatoria, durante todo o evento. Unicamente poderán levantarse para ir á barra e ao aseo, pero só poderase consumir no propio asento”, adiantan dende a organización, incidindo en que contarán con persoal de seguridade que axudará a cumprir as normas de prevención, e equipo de limpeza que manterá desinfectadas as zonas comúns.

O  SilFest Valdeorras Lite conta co apoio do Concello do Barco, a Consellería de Turismo a través do Xacobeo 21-22, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras,  Mahou e Gadis.

As entradas custarán 15 euros (máis gastos de xestión) e estarán dispoñibles o mércores 11 de agosto a partir das 10 horas na propia web do festival www.silfestvaldeorras.com.

 

Artigos relacionados

Back to top button