PolíticaÚltima hora

A nacionalista Ana Pontón presenta a súa candidatura ás eleccións galegas co reto de “facer historia”

 

Nun concorrido acto, que convocaba o 19 de xaneiro en Santiago a cerca dun millar de responsables políticos e militancia de base do BNG, a portavoz nacional desta formación, Ana Pontón, presentaba a súa candidatura ás eleccións galegas co reto de “facer historia”, “ser o referente da maioría social que quere un cambio real e lograr unha presidencia da Xunta liderada por primeira vez por unha muller e por unha nacionalista”.

Pontón comezaba a súa intervención indicando que “imos deixar atrás esta década gris e abrir un tempo novo da man do BNG”, agradecendo ademais o entusiasmo e o apoio da militancia. “É unha honra e unha enorme responsabilidade coa cidadanía que quere un cambio de rumbo, un compromiso coas persoas que están a mirar cara nós, coas que nos votaron e coas que nos ven como a mellor opción para o cambio real”.

Ademais dirixíase á maioría social para dicirlle que “vou ser a súa candidata, a candidata desa maioría que ama este país, que sabe que o desenvolvemento económico e social non pasa por máis submisión a Madrid, senón por máis Galiza. A esa maioría quero dicirlle que ten sólidos motivos para confiar e ilusionarse co BNG”, apelou Pontón.

Con ese obxectivo de liderar o cambio real á década de Feijóo, a candidata nacionalista insistía en que o BNG vai a por todas, porque o país precisa “moito máis que un mero cambio de caras para seguir coa mesma política de submisión centralista baixo un verniz progre”.

Para Pontón “as vindeiras eleccións van de construír país, van de programas, de propostas, de solucións para o noso futuro colectivo, de rachar coa submisión, de que Galiza se faga valer e avance cara un futuro mellor. Van de dignidade”. E para iso “está o BNG, unha forza cohesionada e solvente, cun proxecto de país, con ideas e con capacidade de gobernar”.

 

Artigos relacionados

Back to top button