A RúaConcellosEleccións municipais 2023Última hora

A nacionalista María G. Albert é investida alcaldesa da Rúa por segunda vez

Gobernará os vindeiros catro anos cos votos a favor do PSdeG-PSOE e RUA cos que o BNG chegaba a un acordo

 

Non houbo sorpresas nin apenas tensión, pero si un resultado diferente ao esperado tralos resultados dos comicios do pasado 28M. Tras catro anos de goberno popular con Álvaro Fernández á fronte e malia ser o partido máis votado, na mañá deste sábado 17 de xuño a nacionalista María G. Albert era investida alcaldesa da Rúa por segunda vez, tralo pacto acadado entre BNG, PSdG-PSOE e RUA, cos votos a favor dos socialistas (2), dos nacionalistas (2) e do grupo independente (2) e os 5 en contra dos populares.

 

O alcalde saínte, Álvaro Fernández.

 

Con numeroso público no Salón de Plenos, o acto comezaba ás 12h. coa constitución da mesa de idade dos concelleiros electos: Vicente Solarat López (voceiro do RUA) como o maior e Javier Fernández Quiroga (PP) como o de menor idade.  De seguido, unha vez constituída a corporación municipal e xa como concelleiros da mesma Álvaro Fernández (PP) e María G. Albert (BNG) postulábanse como candidatos á alcaldía mentres que Luis Fernández (PSOE) e José Vicente Solarat (RUA) non se postulaban, cumprindo así co pacto feito público.

Así pois só quedaba votar e segundo o acordado, a candidata nacionalista accedía ao sillón de mando tras lograr a maioría absoluta, pasando a dirixir o resto do pleno, tras prometer o cargo.

 

Luis Fernández Gudiña, voceiro socialista.

 

No turno de intervencións, o primeiro era o alcalde saínte Álvaro Fernández, fortemente arroupado durante o pleno, quen agradecía “o resultado das eleccións municipais onde A Rúa falou alto e claro, os demais terán que dar explicacións aos seus votantes do que está acontecendo aquí. Este cuatripartito non vai a gusto de moitos dos que depositaron a súa papeleta e penso que quedaron todos no seu sitio”, asegurou dando tamén as grazas ao seu novo equipo e toda a xente que nos apoio “sobre todo porque xa sabiamos cal ía ser o resultado”. A modo de despedida desexou “a mellor das sortes para o pobo e que ao final nos vaia ben a todos”.

O portavoz do RUA, Vicente Solarat asegurou que os resultados son os que son “e todos os votos son válidos”, dixo, felicitando á alcaldesa e desexándolle “acerto” manifestando publicamente “que contará co noso máximo esforzo para conseguir un único obxectivo: facer que cada vez sexa máis agradable vivir na Rúa”.

 

Vicente Solarat (RUA) presidiu a mesa de idade.

 

Luis Fernández, voceiro do PSdeG-PSOE, comezou a súa intervención agradecendo o apoio da xente que lles deu o voto o 28M. “Non conseguimos o obxectivo plantexado inicialmente pero síntome orgulloso do traballo realizado durante a campaña”. Con respecto ao acordo asinado co BNG e co RUA, lembrou que “pactar é o que vén pasando nas últimas lexislaturas na Rúa, neste caso para garantir a estabilidade que nos permita gobernar os vindieiro catro anos. É algo perfectamente normal. O cambio na Rúa que sempre defendemos é un feito e só nos queda traballar arreo con toda a ilusión e forza para levar acabo un novo xeito de traballar, sempre para servizo de todos os veciños e veciñas”, concluía.

María G. Albert pechaba o acto lembrando que onte, tras facer público o pacto “recibín moitas chamadas, unhas de ánimo e outras de preocupación, e son consciente de que temos ante nós un reto importante e moitas dificultades”, dixo, destacando que o pacto foi feito “ante todo dende a xenerosidade dos tres grupos políticos dende o primeiro momento, aínda que eu sexa quen lle pon cara. Todos estamos dacordo e pon de manifesto a importancia da política que é o que nos fai avanzar como sociedade e mellorar a vida das persoas. A pesar das diferenzas é posible chegar a acordos cando se trata de conseguir un ben maior”.

 

A nova alcaldesa da Rúa, María G. Albert.

 

“O que hoxe nos trouxo aquí”, dixo, “é a responsabilidade e compromiso co noso concello. Non dubiden de que este é un pacto polo ben da Rúa e estamos orgullosísimos de ter chegado a el porque o que está en xogo é moito máis importante que a alcaldía. A Rúa necesita respirar e abrir xanelas e traballaremos por iso. Queda moito por facer, entrando nun Concello debilitado, falto de persoal e con moitos problemas pero sei que imos estar á altura porque se alguén merece todo o noso traballo e adicación é o noso concello e nel estará posto dende este mesmo momento”. A nivel persoal, María lembrou a súa anterior toma de posesión “moi distinta a esta, con moita xente que xa non está”, botando de menos ao seu fillo que non pudo estar presente, “algo que non me parece normal. Loitarei porque os nosos fillos teñan un futuro mellor e en liberdade”.

 

O novo equipo de goberno no Concello da Rúa.

 

Fotos: Verónica Vieira/ Por las Ramas Estudio.

Artigos relacionados

Back to top button