
Coincidindo co comezo campaña de castañas, Amarelante Sociedade Cooperativa (SCG) de Manzaneda pon en marcha o seu Centro de Conservación e Transformación de Castaña. A súa apertura supón “un paso fundamental” na aposta desta cooperativa “pola revalorización das castañas”.
No desenvolvemento desta iniciativa comezará coa transformación deste froito de outono a través do secado. “Trátase dun proceso no que se require dunha maquinaria especial instalada xa na nave (calibradora, secadeiro, moega receptora, peladora…). Esta actividade complementarase coa recollida e merca de castañas en fresco baixo o selo de Castaña de Galicia”, tal e como se avanza dende Amarelante SCG, que ademais pretende máis adiante “ampliar a transformación do seu produto producindo, por exemplo, fariña de castaña”.
A creación deste Centro de Conservación e Transformación de Castaña en Manzaneda requeriu un investimento total de 170.000 euros, dos que 80.000 foron para a compra da nave, 39.5000 para a merca de maquinaria e o restante para as reformas necesarias da instalación, proxecto e licenzas, segundo se detalle dende a cooperativa. O 40% dese importe total finaciouse a través de fondos europeos do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei-Navea.

O proxecto de Amarelante nacía en marzo de 2013 co obxectivo de recuperar de soutos abandonados cun modelo de xestión de aluger/cesión. Actualmente conta con 10 socios que xestionan 7 hectáreas de terreo. Neste ano recibía o Premio á Promoción do Cooperativismo convocado pola Consellería de Traballo dentro dos Premios á Cooperación.