EconomíaEconomíaÚltima hora

A noite do comercio barquense, o 19 de xuño

O Barco CCA organiza a segunda “Noite Branca” con descontos dun 20%, música, espectáculos e degustacións a pé de rúa
O presidente do Barco CCA, Ángel Álvarez, e a tesoureira, Sandra Moldes, co cartaz da "Noite Branca"./ Foto: Carlos G. Hervella.
O presidente do Barco CCA, Ángel Álvarez, e a tesoureira, Sandra Moldes, co cartaz da “Noite Branca”./ Foto: Carlos G. Hervella.

“Con máis ilusión e novidades” está a preparar O Barco Centro Comercial Aberto a segunda edición da súa “Noite Branca”, logo da “gran acollida” que tivo a iniciativa o pasado ano. Así o adiantaba o presidente desta entidade barquense, Ángel Álvarez, o 10 de xuño na presentación do programa desta campaña que se celebrará o vindeiro 19 de xuño.

A idea do CCA é, como na pasada edición, aproveitar unha noite case de verán “para ofrecer descontos e animar aos veciños a saír ás rúas, a coñecer os comercios. A promoción pretende achegar, así mesmo, a clientela dos arredores para que, atraídos pola novidade, decidan pasar unha noite agradable comprando nos establecementos, paseando polas rúas do Barco e desfrutando das actividades de animación”, en palabras do presidente do CCA, Ángel Álvarez.

Ademais nesta ocasión incrementarase o número de establecementos participantes, que serán un total de 33. Cada un deles decorará o exterior e interior dun xeito identificativo. “Cada local terá un deseño e unha decoración identificativa”, matizaba Ángel Álvarez.

Cartaces e folletos promocionais da segunda "Noite Branca" do Barco CCA./ Foto: Carlos G. Hervella.
Cartaces e folletos promocionais da segunda “Noite Branca” do Barco CCA./ Foto: Carlos G. Hervella.

Os negocios participantes sacarán os seus produtos ao exterior, engalanarán as rúas e ofrecerán degustacións e artigos a bo prezo, con descontos dun 20%. A maiores o ambiente estará animado por un programa de actos que comezará a partires das 19h. do 19 de xuño na praza do Concello. Dende aí Troula Animación levará o seu espectáculo de zancudos polas rúas e prazas onde están ubicados os locais participantes.

Tamén haberá música da man do grupo Celtas Largos, así como espectáculos de danza a cargo de Disco Iván e Bayadare Academia (ás 20:30h. na praza do Concello). Créarase asemade unha “zona de descanso e de degustación de paella” en torno á Cova, Tapería al Natural e Vinum. E, como fin de festa, ás 23:30h. soará o ritmo da discoteca móbil Disco Stuu no Paseo do Malecón.

Texto: Ángeles Rodríguez
Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button