SanidadeÚltima hora

A nova ambulancia do 061 con base no concello da Veiga estará operativa as 24 horas do día, os 365 días do ano

 

A nova ambulancia convencional da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 con base no concello da Veiga, que comezaba a prestar servizo este martes, 18 de xuño ás 00.00 horas, estará operativa as 24 horas do día, os 365 días do ano.

Na mañá deste xoves 20 de xuño o alcalde da Veiga, Juan Anta Rodríguez, acompañado do subdirector de Procesos Asistenciais de Enfermería da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Óscar Estraviz Paz, visitaron as instalacións da base da ambulancia neste concello.

Esta ambulancia con base e zona de cobertura preferente no municipio da Veiga conta cun desfibrilador externo semiautomático (DESA) e un técnico en emerxencias sanitarias con formación no uso do mesmo. Un modelo de recurso asistencial que comezou a implantarse no ano 2019 noutras zonas do rural co obxectivo de mellorar a cardioprotección en zonas afastadas e de difícil acceso.

Optimización da cobertura asistencial

O aumento dos recursos asistenciais da rede de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia-061 optimiza a cobertura destas zonas de grande extensión e dispersión poboacional, que inflúen na distancia co seu hospital de referencia. Ademais, a incorporación deste recurso permitirá mellorar os tempos de asistencia á poboación e incrementar a calidade asistencial coa atención presencial daqueles pacientes que necesiten coidados sanitarios.

A asistencia sanitaria realizada polo persoal do 061 de Galicia, tanto no punto no que se atope o paciente como durante o traslado, está en todo momento coordinada e supervisada en tempo real desde a Central de Coordinación, por médicos coordinadores especialistas na atención da urxencia e a emerxencia extrahospitalaria.

Coa incorporación da ambulancia convencional da Veiga, a rede de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia-061 dispón de 12 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas, cinco ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado de enfermería, dous helicópteros medicalizados, 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e tres ambulancias convencionais.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button