ConcellosManzanedaTrivesÚltima hora

A nova concesionaria da Estación de Montaña de Manzaneda traballa na posta a punto das instalacións

No seu próximo plan de usos e actividades pretende "potenciar o turismo de natureza e deporte"

Imaxe dunha das zonas da Estación de Montaña de Manzaneda./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A través dunha nota de prensa a empresa Artabria Turismo, nova concesionaria da Estación de Montaña de Manzaneda, vén de anunciar que está a traballar “na posta a punto das instalacións e no seu próximo plan de usos e actividades para potenciar o turismo de natureza e deporte”.

Artabria Turismo indica que xa se mantiveron varias reunións con representantes de Meisa para poder valorar o estado e viabilidade das instalacións e “coordinar conxuntamente os traballos necesarios da próxima apertura da estación”, se ben non concreta cal será a data da mesma.

“Tomamos o relevo a Oca Hoteles na xestión da Estación de Montaña de Cabeza de Manzaneda con moita ilusión e ganas. Estamos traballando con Meisa para poder ter a punto canto antes a estación con todas as garantías de seguridade e operatividade. Despois dun período de parón de actividade son necesarios diversos labores para poder arrancar. A revisión e posta a punto do funcionamento e mantemento de todas as instalacións sgundo normativa, a tramitación das altas do persoal en ERTE, a posta ao día dos seguros de maquinaria e vehículos, o acondicionamento das instalacións en referencia aos protocolos Covid ou a solicitude as provisións e materiais necesarios son só agunha das tarefas que se están levando a cabo”, en palabras de Albert Montaner, director xeral de Artabria Turismo.

Ademais Montaner explica que Artabria Turismo nace da integración e varias empresas e marcas que levan xa tempo traballando no sector turístico e aposta por potenciar o o turismo de natureza e deporte en destinos naturais pouco masificados de Galicia e Asturias. “Cremos que o entorno natural de Manzaneda reúne unhas condicións únicas para poder impulsar o turismo de natureza e deporte”.

Neste senso, a empresa traballa nunha “nova proposta de actividades que permita ampliar e desestacionalizar a actual oferta de servizos de Manzaneda. Xa presentamos un primeiro borrador de usos e actividades para a estación que iremos concretando nas próximas semanas”, sinala Montaner, que tamén considera esencial traballar conxuntamente coas empresas de servizos turísticos do entorno e as institucións “para poder configurar unha oferta atractiva que atenda á demanda”.

 

Artigos relacionados

Back to top button