EconomíaEconomíaÚltima hora

A nova liña de axudas para rehabilitación enerxética de edificios estará aberta ata o 31 de xullo

A convocatoria deste ano está dotada con 5,5 millóns de euros para melloras na envolvente térmica, uso de renovables en instalacións térmicas ou renovación da iluminación

Na súa visita a Ourense, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivendaestivo acompañada polo delegado, Gabriel Alén.

 

A Xunta de Galicia anima a todos os propietarios particulares ou comunidades de veciños con inmobles de carácter residencial a acollerse á nova liña de axudas para rehabilitación enerxética de edificios do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que permanecerá aberta ata o vindeiro 31 de xullo. Así o aseguraba a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á cidade de Ourense, onde subliñou que esta é a primeira vez que o seu departamento xestiona o chamado programa PREE, de carácter plurianual e cun orzamento global de 17 millóns de euros para o período 2021-2023 ‑5,5 millóns só para este ano‑.

“Esta inxección económica”, como indicou a conselleira, “axudará a financiar un bo número de intervencións de carácter enerxético en inmobles construídos antes do ano 2007”, polo que avogou por seguir dándolle difusión a estas axudas.

Entre os tres tipos de actuacións subvencionables cómpre subliñar as que teñen que ver coa renovación e mellora da envolvente térmica das fachadas, o mesmo tipo de obra que se acometeu, precisamente, no número 74 da rúa Jesús Soria, o edificio que visitaron esta mañá a conselleira e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, para comprobar as melloras de eficiencia enerxética realizadas no seu exterior grazas a unha subvención de máis de 19.500 euros concedida o ano pasado polo IGVS e que supuxo ao redor do 40% do custo total da obra.

 

 

Así mesmo, as outras intervencións sobre edificios residenciais para as que se pode solicitar axudas con cargo ao programa PREE 2021 son o uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente; e a mellora das instalacións de iluminación, é dicir, luminarias, lámpadas e equipamentos, así como sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais do acendido e a regulación do nivel de iluminación.

Para calcular a contía subvencionable en cada caso, partirase dunha axuda base cun importe máximo de 6.000 euros por vivenda, e unha adicional, que se determinará tendo en conta tres tipos de criterios: sociais (actuacións que se realizan en edificios de vivenda de protección pública ou situados en áreas de rehabilitación); a eficiencia enerxética final a conseguir; e se se trata dunha actuación integrada (aplicarase tamén unha porcentaxe adicional cando se realizan simultaneamente dúas ou máis tipoloxías de actuación).

Guía de axudas

Artigos relacionados

Back to top button