A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), están a celebrar as “XXXIII Xornadas Luis Asorey”. Esta edición céntrase en “O capital natural e os servizos ecosistémicos. A nova base da economía”, a través dunha serie de conferencias gratuítas que se están a desenvolver no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), en horario de 19:00 a 21:00 horas. As xornadas están recoñecidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades como actividade de formación do profesorado non universitario.
O coordinador desta iniciativa é Antonio Rigueiro, catedrático emérito da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, presidente da Asociación Forestal de Galicia e académico numerario da RAGC. Mañá mércores, 16 de novembro, terá lugar unha nova conferencia deste ciclo, que versará sobre a nova PAC (Política Agraria Común da Unión Europea) e os pagos por servizos ambientais en Galicia. Impartiraa Edelmiro López Iglesias, profesor de Economía Aplicada da USC.
Na súa intervención, o experto afondará na relevancia da nova PAC -con aplicación de 2023 a 2027-, nas novidades que aporta con respecto á anterior e nos seus principais plans estratéxicos. Tamén fará referencia ao Pacto Verde Europeo, en particular á “Estratexia de Biodiversidade 2030” e á iniciativa “Da granxa á mesa”, que pretende facer evolucionar o sistema alimentario actual da Unión Europea cara a un modelo sostible, reducindo á metade o uso de praguicidas e fertilizantes e a venda de antimicrobianos, aumentando a cantidade de terra dedicada á agricultura ecolóxica, promovendo un consumo de alimentos e unhas dietas saudables máis sostibles, reducindo a perda e o desperdicio de alimentos, loitando contra a fraude alimentaria e mellorando o benestar dos animais.
O profesor abordará as axudas que se establecen no marco da nova PAC e os requisitos que deben cumprirse para poder acceder ás mesmas. Deterase na figura do agricultor activo e tamén nos beneficios que lle poden reportar ao sector agrario galego as novidades da Política Agraria Común, así como nos pagos por servizos ambientais que se recollen nas medidas de desenvolvemento rural 2023-2027 en Galicia.
Edelmiro López salienta que, no caso de Galicia, “a nova PAC vai incrementar os requisitos ambientais que deben cumprir as explotacións agrarias. Pero, ao mesmo tempo, abre novas oportunidades para o pago polos servizos ambientais aportados tanto por agricultores como por silvicultores, a través dos eco-reximes, as medidas agroambientais, as primas a compromisos forestais de xestión e outras medidas de desenvolvemento rural”.
Experto en desenvolvemento rural, estudou os incendios forestais en Portugal
Edelmiro López é doutor en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago. Foi director do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) e entre 2005 e 2009 ocupou o cargo de director xeral de Desenvolvemento Rural na Xunta de Galicia. Desde 2017 é director do Departamento de Economía Aplicada da USC.
As súas liñas de investigación céntranse na economía e a política agraria, con especial atención ás estruturas agrarias e a mobilidade da terra, o desenvolvemento rural e a economía rexional. Ten dirixido ou participado nunha trintena de proxectos de investigación autonómicos, estatais e internacionais. Esta traxectoria investigadora compleméntase con máis de 50 contratos e convenios con entidades privadas e institucións públicas, entre elas a Xunta de Galicia, Comisión Europea, Banco Interamericano de Desenvolvemento, Instituto Interamericano de Cooperación para la Agricultura e o Ministerio de Agricultura. En 2017-2018 foi membro da Comisión Técnica Independente designada pola Assembleia da República de Portugal para o estudo dos incendios forestais neste país. Na actualidade é coordinador do Grupo de Economía Agroalimentaria e Medioambiental, Desenvolvemento Rural e Economía Social da USC, recoñecido como Grupo de Referencia Competitiva no Sistema Universitario Galego.