ConcellosO BarcoÚltima hora

“A obra da circunvalación do Barco está encamiñada, non vai haber ningún problema con ela”

Así o asegura o alcalde Alfredo García tras manter, xunto co senador valdeorrés Miguel Bautista, unha reunión con responsables do Ministerio de Transportes

 

As infraestruturas da comarca de Valdeorras centraban a reunión que mantiñan nesta semana o alcalde do Barco, Alfredo García, e o senador socialista valdeorrés Miguel Bautista, con responsables do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Un dos temas analizados no encontro era a situación da conexión da N-120 coa N-536, a coñecida como estrada de circunvalación do Barco, cuxas obras se interrompían.

“Non hai ningún problema de diñeiro, detectáronse certos problemas a nivel técnico ao empezar a executarse a obra, por dificultades do terreo, que non apareceran nos estudos previos nin nas sondaxes. Unha vez que se analizou todo isto, a resposta dos responsables do ministerio é que é factible facer un modificado do proxecto. Vai haber diñeiro suficiente porque nos orzamento de 2022 aparecen algo máis de 23 millóns de euros para esta obra, e ademais para acelerar todos estes labores meteuse máis persoal do ministerio para que todo isto saia canto antes. Por parte da empresa tamén hai boa vontade e todo apunta a que, en canto se chegue a un acordo sobre o alcance do modificado, nas zonas onde non hai maiores problemas se empece a traballar a bo ritmo”, indicaba Alfredo García.

O rexedor barquense prefería non adiantar datas, pero insistía en que “o tema está encamiñado e con esta obra non vai haber ningún problema, o único que se vai facer é garantir que a execución da obra é a correcta e que ademais queda ben”.

 

Imaxe de arquivo das obras da circunvalación do Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Outro dos eixos da reunión era a Autovía A-76 (Ponferrada-Ourense). Neste senso, os responsables do ministerio trasladábanlle ao alcalde do Barco e ao senador Miguel Bautista que se traballa para avanzar nos tres tramos: Villamartín de la Abadía-Requejo, Requejo-A Veiga de Cascallá e A Veiga de Cascallá-O Barco. Con relación a este último, o alcalde do Barco apuntaba que o ministerio xa prepara a redacción do proxecto construtivo, mentres que no treito Requejo-Villamartín de la Abadía “están pendentes dunha información pública porque a pediu o Concello de Toral, entón están terminándoa e, en breve, sacarana a información pública, e están xa empezando a redactar o proxecto construtivo”.

Finalmente, o tramo Requejo-A Veiga de Cascallá, preséntase como o máis complexo. Son 10 km cuxo orzamento se estima nuns 300 millóns de euros, “e están buscando solucións. Este tramo non se pode paralizar, hai que continuar con el e buscar unha solución porque é imprescindible que teñamos outra conexión co Bierzo máis alá da que xa existe a través da N-120. Se esta estrada na zona de Covas ten algún problema, imos volver quedar illados, e, polo tanto, este tramo aínda que pareza que non, é moi importante e espero que en breve se apunten solucións que nos garantan a conectividade”, resaltaba Alfredo García.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button