ConcellosQuirogaÚltima hora

A orquestra Panorama actuará o 10 de agosto en Quiroga

Forma parte do programa das Festas de Verán que se estenderá ata o domingo día 13

A orquestra Panorama en Quiroga./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Serán as primeiras co novo alcalde José Luis Rivera e, sen perder a esencia das que se viñan celebrando nos últimos anos, están feitas con toda a ilusión e moi axustadas no tempo malia a escasa marxe que tiveron para organizalas. Como cada mes de agosto o Concello lucense de Quiroga, ten elaborado un completo programa para celebrar as festas de verán que se estenderán entre o 10 e o 13 de agosto.

A programación abrirase oficialmente o xoves día 10 cunha nova edición da Feira do Mel que contará coa asistencia de media ducia de produtores que se colocarán en casetas ao longo da rúa Real a partir das 11 horas. A animación musical da mañá correrá a cargo do grupo local O Recanto e en torno ás 13 horas actuará Movilla y Los Irrepetibles. Ese mesmo día ás 23 horas chegará o prato forte das festas deste ano, a actuación da orquestra Panorama que regresa a Quiroga para deleite dos seus numerosos seguidores.

 

 

A programación continuará o venres día 11 ás 23 horas co concerto de Lys Pardo, seguido do de Os Platinos con música dos 80 e da disco móbil Radical co DJ Raúl Romero. Así chegamos ao sábado 12 de agosto que estará adicado á música tradicional. Tal como avanza o alcalde, pola mañá haberá unha alborada a cargo de A Volta do Agro; en torno ás 13 horas a sesión vermú co grupo de versións Os Broders de Vilamartín; e pola noite Os Melidaos, grupo de música tradicional galega.

E xa o domingo día 13 de agosto, a sesión vermú será con 2 en Punto da Coruña e pola noite ás 22 horas haberá un grupo de animación de troula para os nenos. Para as 23 horas está prevista a sesión de fogos artificias na praza España e ás 23:30h. o concerto de Gin Toni’s, un dos grupos máis solicitados nas festas de verán, que porá o broche ás deste 2023 en Quiroga.

Unhas festas que inclúen os tradicionais torneos de Street Soccer e Volley; os partido de fútbol xuvenil (Quiroga FC-CF Monforte) e sénior (Quiroga FC-CD Río Sil); e espectáculos infantís.

Artigos relacionados

Back to top button