ConcellosEn portadaO BarcoÚltima horaVídeos

A orquestra Panorama e o concerto de Los Secretos, entre os reclamos das Festas do Cristo 2023 no Barco

O programa estenderase do 13 ao 17 de setembro con case 40 eventos culturais, lúdicos e deportivos

 

“Completísimo, con potentes actuacións e grandes novidades”. Así é, en palabras do alcalde do Barco, Alfredo García, o programa das Festas do Cristo 2023 que se presentaba na mañá deste xoves 31 de agosto no Concello.

 

 

Un programa longo, de cinco días (do 13 ao 17 de setembro) e con case 40 eventos culturais, lúdicos e deportivos “do que podemos estar orgullosos e presumir”, aseguraba a concelleira de Cultura do Barco Margarida Pizcueta, destacando o concerto protagonizado por Los Secretos que terá lugar o sábado día 16 “froito da colaboración co CD Barco e que contará tamén con artistas locais como Sr. Jingles Jorge Rodríguez e Argü e unha dj de recoñecido prestixio como Sofía Cristo”, dixo Pizcueta, adiantando outra colaboración para o concerto “Día das Artes Galegas Martín Códax” o día do Cristo, 14 de setembro, coa soprano Beatriz Riobó Agulla acompañada ao piano por Alejo Amoedo.

No apartado de orquestras a concelleira asegura que “son de primeiro nivel”, destacando a Panorama que actuará o día do Cristo. “Temos a mellor orquestra e tamén o mellor grupo que é América de Vigo” que actuará o día 13. E tamén no apartado musical, regresa Son do Sil que dará un concerto o día 15 na praza Maior.

 

 

No relativo aos clásicos do Cristo está o pregón que abrirá as festas o mércores día 13 e que este ano lerá o barquense Julio Mourelo. “Tocáballe, porque leva moitos anos adicando o seu tempo a axudar sobre todo aos máis necesitados, algo que queriamos agradecerlle dende o Concello e esta pareceunos unha boa forma de facelo”, dixo a concelleira, destacando outra cita xa tradicional como é a Festa das Pandillas que “cada ano crece e este ano terá sorpresas”, entre elas a actuación de Los Íñigos que porán nese concerto o punto final á súa carreira musical.

E con respecto ao cartel, o deste 2023 é “vistoso, alegre e que recolle todos os elementos necesarios nun cartel de festas”, obra de Anxo Santomil, un gran debuxante que tamén exporá unha escolma de traballos no Casino do Barco. A inauguración será o día 12 ás 20 horas.

 

 

Para o público infantil haberá dous espectáculos e o parque de xogos con inchábeis no entorno da praza do Concello ou no pavillón vello en caso de chuvia.

O outro piar das festas é deportivo e nese aspecto, o concelleiro Aurentino Alonso convidou á poboación a participar nun dos clásicos, o Madrugón, co que arrancará o Día do Cristo ás 8 da mañá na Capitana. “Só hai que deixarse levar polo río”, dixo medio en broma, explicando que o programa inclúe outras citas tradicionais como o Descenso so Sil, tanto popular como internacional e a Milla; así como outras citas co fútbol, fútbol sala e mesmo petanca.

Toda a información detallada, no Especial Cristo do Periódico O Sil.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button