CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

A ourensá Cristina Pato está de xira polos Estados Unidos co Silk Road de Yo-Yo Ma

O repertorio inclúe a peza composta pola gaiteira ouresná sobre a perda da memoria da súa nai: My Lethe Story: O Río do Esquecemento
Cristina Pato con Yo-Yo Ma aquí. /Foto: Max Whittaker.

O 7 de abril comezaba a xira de Cristina Pato polos Estados Unidos con Silk Road Ensemble, a formación liderada polo cellista Yo-Yo Ma, con once concertos previstos en cinco estados que rematará o 23 de abril en Florida.

Nesta xira inclúense un repertorio único que inclúe o tema The Latina 6/8 Suite, peza concibida e encargada por Pato ao compositor Edward Perez para o seu último disco, Latina; o Cuarteto para o fin dos tempos de Oliver Messiaen, con Yo-Yo Ma ao cello e Cristina ao piano; e a peza composta por Pato inspirada na demencia da súa nai: My Lethe Story: O Río do Esquecemento. A xira inclúe ademais algúns arranxos de música tradicional de todo o mundo e pezas novas de Ljova, Jia Daqun e Colin Jacobsen.

Esta última peza foi escrita pola gaiteira ourensá en 2012 e será interpretada por Yo-Yo Ma ao cello, Kinan Azmeh ao clarinete, cuarteto de corda e percusión e Pato ao piano e á gaita. A obra combina narración con música de cámara e está baseada na conexión entre a historia da entrada dos romanos a Galicia polo río Limia (o río do esquecemento), a mitoloxía (o río Lete do inferno de Hades) e os patróns de repetición constante que forman parte da realidade dunha persoa con demencia e combina a paixón de Cristina pola neurociencia e a historia persoal da perda de memoria da súa nai.

Artigos relacionados

Back to top button