ConcellosTrivesÚltima hora

A panadería Terras de Trives, protagonista do pregón da 50ª Festa da Bica

Foto: RRSS Panadería Terras de Trives.

 

Nas panaderías de Trives faise maxia nestes días para poder atender a demanda de bicas que levarán o nome do concello por todo o mundo. Terras de Trives, con preto de medio século de historia, é un destes establecementos e será protagonista do pregón da festa que nesta 50 edición renderá culto ao manxar. María Isabel García Álvarez e José García Álvarez son irmáns e fanse cargo do negocio dende hai 20 anos. Aínda non saben quen dos dous ofrecerá o discurso, pero non faltará a emoción e así o explica a responsable: “Comezaron os meus tíos na panadería e sigo co meu irmán a tradición dende hai xa dúas décadas, vivo esta celebración dende nena e porémoslle moito sentimento”.

O acto terá lugar este sábado, ás 12.00 horas no CEIP Manuel Bermúdez. Para esta mesma xornada organizou o Concello a gran comida popular, con aforo para 500 persoas neste mesmo emprazamento. Ademais do doce típico, degustarase empanada de cachena e becerro ao espeto con guarnición.

Cómpre destacar tamén a andaina e a subida ecuestre a Manzaneda organizadas con motivo da Festa da Bica. Ambas celebraranse o domingo 30 de xullo, con saída as 8.30 horas da Praza do Concello.

Esta será a segunda edición da Festa da Bica como celebración de Interese Turístico de Galicia. O doce é un produto gastronómico típico destas terras e que forma parte da identidade do municipio. Agárdase que un ano máis sexan centos os visitantes.

 

Artigos relacionados

Back to top button