A RúaConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

A parroquia de Santo Estevo (A Rúa) abre o Venres Santo co Viacrucis e a procesión do Encontro

 

Nin máis nin menos que 145 anos hai que comezaba a celebrarse a Semana Santa na parroquia de Santo Estevo (A Rúa) tal como a coñecemos hoxendía. “Dende entón pasaron moitos sacerdotes entre eles eu que estiven 51 con párroco e cinco como convidado por iso vivir este encontro é para min moi emocionante”. Así o aseguraba o sacerdote da Rúa Vella, Severino Pérez, na mañá deste Venres Santo (7 de abril), coma sempre dende un balcón na praza César Conti, dende onde dirixía algunhas das Estacións do Viacrucis e a procesión do Encontro, un dos actos máis destacados da Semana Santa nesta parroquia ruesa.

 

Imaxe da Dolorosa.

 

San Xoán a ombros de oito costaleiros con túnicas vermellas; a Dolorosa a ombros das mulleres de loito; e Xesús Nazareno coa cruz ás costas camiño do Calvario a ombros dos costaleiros con túnicas moradas. Son os tres pasos que protagonizaron o acto co que a parroquia de Santo Estevo abría o Venres Santo.

 

Imaxe de Xesús coa cruz ás costas.

 

Despois de percorrer boa parte da Rúa Vella, as tres imaxes xuntábanse na praza César Conti, protagonizando un dos momentos máis emotivos da Semana Santa nesta parroquia ruesa: o encontro da Virxe co seu fillo, en presenza de San Xoán, antes de ser crucificado. O acto estivo acompañado polas voces do coro e despois, a procesión cos tres pasos retomaba o camiño rumbo á igrexa.

Os actos en Santo Estevo continúan esta tarde ás 18:30 horas co Sermón das 7 Palabras, Desencravo e Procesión do Santo Enterro.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button