EconomíaEconomíaÚltima hora

A partir do 1 de novembro poderán solicitarse permisos para queimas de restos agrícolas

Estas tarefas estaban ata agora suspendidas por Medio Rural pola ampliación do período de alto risco de incendios

 

A Consellería do Medio Rural permitirá de novo desde o día 1 de novembro tramitar permisos para facer queimas de restos agrícolas dacordo coa normativa de aplicación, “debido á que remata o período de alto risco de incendios e que as condicións meteorolóxicas así o permiten. Isto significa que o día 3 será o primeiro día para realizar queimas previamente comunicadas”, segundo se indica dende este departamento autonómico

Polo tanto, a partir de mañá ás 00.00 h. poderanse realizar as comunicacións e solicitudes de autorización de queimas a través da web do Medio Rural de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Ademais, en días laborables, tamén estará a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas.

Así, os cidadáns que desexen queimar restos agrícolas amoreados nas zonas que determina a devandita lei nos períodos habilitados “deberán comunicalo dous días antes. No caso de queimas de restos forestais amoreados, deberase solicitar unha autorización debido ao risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación. En todo caso, lembramos que as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas”, din dende a Consellería do Medio Rural.

Máis información en http://mediorural.xunta.gal/areas/forestal/queimas/

Artigos relacionados

Back to top button