En portadaÚltima hora

A partir do venres relaxaranse as medidas restritivas en boa parte da provincia

Así o anunciaba o presidente da Xunta de Galicia, tras a reunión que celebraba este luns o Comité Clínico

 

“Estamos por fin por debaixo do nivel máximo de risco en Galicia, algo que perseguíamos dende hai varias semanas, en 88 casos por 100.000 habitantes a 7 días, unha baixada de case o 80%”. Facendo balance da situación sanitaria actual de Galicia comezaba o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, a súa comparecencia tras a reunión desta mañá do Comité Clínico de expertos que fan seguemento da pandemia en Galicia. “Estamos nunha situación de enorme esperanza, pero depende de nós”, advertía, indicando tamén que, polo de agora, a comunidade vai continuar pechada perimetralmente.

“A evolución está sendo certamente boa, polo tanto, isto lévanos a unha conclusión: as restricións e medidas funcionaron sen paliativos. Ademais, facemos unha segunda reflexión, debemos actuar con axilidade cando a situación comece a empeorar. O virus é más explosivo, coas novas cepas”, comentaba Núñez Feijóo.

“Seguimos avanzando na apertura de determinadas actividades”, dicía Feijóo, anunciando despois medidas de apertura da “hostalaría, mobilidade intermunicipal e reunións de non conviventes. A apertura será gradual e paulatina e a medida de cada territorio e de cada situación epidemiolóxica. As medidas non serán homoxéneas en todo o territorio, senón que dependerán da situación epidemiolóxico de cada zona”, matizaba.

Nese senso, o Comité Clínico establecía tres nivel na desescalada, cunha serie de medidas que entrarán en vigor o venres 26 de febreiro. O primeiro deles será en concellos con máis de 500 casos de Covid por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Aquí mantéñense as restricións que se viñan aplicando ata este momento. É dicir, non abrirá a hostalería, non haberá reunións entre conviventes e non se poderá saír ou entrar do concello salvo por causas xustificadas. Afectará ao 2,6% da poboación. En concreto, Feijóo citaba os concellos de Aranga, Cabanas, Carballo, Catoira, Corcubión, ou Corgo, Gomesende, A Gudiña, Guitiriz, Larouco, Malpica, Moeche, A Peroxa, Ponteceso, Pontenova, Toques e Xunqueira.

Haberá un segundo nivel cos concellos que se encontren entre 250 e 500 casos de Covid por 100.000 habitantes, ademais dos concellos que forman parte da área Sanitaria de Ferrol, A Coruña e Pontevedra (un total de 74). Nestes concellos, 107 en total (cuxos nomes non se enumeraban na rolda de prensa), permítese a reunión de non conviventes cun máximo de 4 persoas, a hostalería reabrirá o venres pero só terrazas e con 50 % de aforo ata as 18horas. A mobilidade só se permitirá entre concellos coa mesma incidencia. Sitúanse neste nivel os concellos da área sanitaria da Coruña, Ferrol e Pontevedra, coas UCI nunha situación grave.

Os concellos ourensáns do nivel 2 son: Amoeiro, Bande, Beade, Boborás, Cartelle, Celanova, Laza, A Merca, Punxín, Rairíz de Veiga, Sandiás, Taboadela e Viana.

Finalmente, no terceiro nivel situaríanse os concellos cunha incidencia menor a 250 por 100.000 habitantes nos últimos 14 días. Trátase dun total de 189 concellos (tampouco se detallaban, polo de agora os nomes concretos), o 54% da poboación galega. Neles poderá abrir a hostalería cunha limitación interior do 30% de aforo e do 50% en terrazas ata as 18 horas. Tamén se permiten as reunións de non conviventes ata un máximo de 4 persoas. Así mesmo permitirase a mobilidade entre concellos co mesmo nivel. Ademais, poderán abrir as instalacións deportivas, ximnasios e piscinas (cun obrigatorio da máscara), cun máximo de 4 persoas non conviventes.

Serían os concellos de: Allariz, Arnoia, Avión, Baltar, Baños de Molgas, Barbadás, O Barco, Beariz, Os Blancos, A Bola, O Bolo, Calvos de Randín, Carballeda de Valdeorras, Carballera de Avia, Carballiño, Castelo do Val, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Cenlle, Coles, Cortegada, Cualedro, Chandrexa, Entrimo, Esgos, Xinzo de Limia, O Irixo, Xunqueira de Ambía, Leiro, Lobeira, Lobios, Maceda, Manzaneda, Maside, Melón, A Mezquita, Montederramo, Monterrei, Muiños, Nogueira, Oímbra, Ourense, Paderne, Padrenda, Parada de Sil, Pereiro de Aguiar, Petín, Piñor, Porqueira, Trives, Pontedeva, Quintela, Ramirás, Ribadavia, San Xoan de Rió, Riós, A Rúa, Rubiá, San Amaro, San Cibrao, Cea, Sarreaus, A Teixeira, Toén, Trasmiras, A Veiga, Verea, Verín, Vilamarín, Vilamartín, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós e Vilariño de Conso.

 

Artigos relacionados

Back to top button