O seu uso da cor e a forza das tonalidades que impregnan os seus lenzos son, sen dúbida, a principal marca de identidade da pintora valdeorresa Carina Rodríguez, que se move, principalmente, no terreo da abstracción. Ten amosado a súa obra en mostras colectivas como Córgomo Arte (na localidade do mesmo nome de Vilamartín) ou no MARCO (Petín), pero tamén de forma individual en singulares propostas como a realizada no Bar 4 Caminos da Rúa ou no Hostal La Viuda de Trives, hai uns anos.
E máis alá do cadro tamén se atreve coa ilustración, con resultados como o premio do cartel do IV Premio de Poesía de Florencio Delgado Gurriarán, ou mesmo pasando do lenzo á moda, facendo desfilar os seus deseños na pasarela do Barco Centro Comercial Aberto.

Agora unha escolma da súa obra poderá desfrutarse na capital da provincia coa exposición “Mi mundo es el color”, cuxa inauguración está prevista para o vindeiro venres 17 de marzo no Liceo de Ourense. A mostra permancerá aberta ata o 31 de marzo.
Imaxes cedidas por Carina Rodríguez.