CulturaCulturaEn portadaÚltima horaVídeos

A pintura da valdeorresa Lola Doporto faise pano de seda

Esta creadora, natural de Millarouso (O Barco), converte os seus cadros ou algúns dos seus detalles en panos de diversos formatos nun proxecto cun carácter solidario

Lola Doporto levando un dos panos con detalles das súas pinturas./ Foto: A.R.

 

A cor é unha constante na súa obra. Un dos seus sinais de identidade. E esa intensa e rica tonalidade dos lenzos da pintora Lola Doporto salta agora a un novo e atractivo soporte: a seda natural. E faino de xeito lóxico e aportándolle unha nova dimensión á súa creación, que xa pode levarse nun pano, como un complemento habitual da indumentaria.

Os seus icónicos mouchos, as marionetas, galos ou mesmo os peixes dos seus óleos iniciais locen agora en elegantes e coloristas panos de diferentes formas e tamaños, que están tendo unha excelente acollida. “Este é un proxecto antigo, que vén de moitos anos atrás. Sempre fun unha muller de panos e dende entón tiña claro que quería facer algo relacionado con eles. Observando os detalles dos meus cadros, comecei a darlle voltas a idea”, comenta a creadora Lola Doporto, natural de Millarouso (O Barco).

 

 

Unha idea que empezaba a concretarse e a cobrar forma o pasado outubro, cando a pintora coñecía aos responsables da empresa “Nós”, Javier e Nerea Gómez Álvarez. “Dende un principio entenderon o proxecto e lograron uns resultados espectaculares, coa súa dedicación e profesionalidade. Ademais para min foi un orgullo poder desenvolver esta iniciativa no Barco, coa miña xente. De feito, todo o proceso fíxose aquí: a pintura, a fotografía, o deseño, a impresión… Iso é o que máis me motiva e ilusiona”, resalta Doporto.

 

 

Dende un principio tiña moi claro que o material debía ser seda 100% natural da maior calidade. “Comezamos a buscar e conseguímola en Italia. É seda con 2 gramaxes diferentes, o que permite dous tipos de texturas en función das características do motivo escollido. Está impresa con tintas ecolóxicas, que respectan o medio ambiente e libres de disolventes e produtos químicos. Ata agora usei uns 30 motivos diferentes da miña obra, nalgúns casos son detalles de lenzos, noutros, cadros completos no pano. O que busco é que os panos transmitan alegría, que se luzan e se desfruten ao vestilos, que envolvan á persoa. Para min son especiais e quero que á xente que os toca e os poña lle digan algo, que os sinta”, explica a creadora.

 

 

Trátase de edicións moi limitadas con diferentes formas e medidas (cadrados, alongados ou tipo pashmina…). “A tela imprímise con colorantes reactivos en dixital, o que permite traballar incluso con medidas reducidas. Logo sométese o tecido aos acabados ou tratamentos de ennobrecemento do material, que melloran o aspecto, as propiedades e solidez da cor”, tal e como detalla a pintora, que considera que este é un proxecto colectivo. “Parte da miña obra, pero creo que, como todo o que fago, sae adiante pola xente que me rodea, que me empuxa e me demostra o seu saber e traballo. Un exemplo é a calidade da fotografía, sen a cal sería imposible lograr eses resultados, e a impresión”, di entusiasmada.

 

 

Esta iniciativa ten, ademais, un fin solidario. “Os beneficios obtidos da venda destes panos serán para a Asociación Española contra o Cancro. Admiro a toda esa xente, tanto aos profesionais sanitarios como ao persoal da asociación e aos voluntarios, o seu labor é moi importante”, resalta Doporto.

 

 

Os panos xa están á venda e poden pedirse por internet no correo hola@loladoporto.com ou ben no instagram Celavella Arte. Conta ademais cun punto colaborador en Celanova e outros dous no Barco: as tendas de Miranda Moda e Baamonde.

 

 

Malia que esta iniciativa está aínda en fase inicial, xa ten pedidos dende diferentes puntos de España. “Os panos están gustando moito, estou moi ilusionada e e agradecida”, confesa Doporto, que segue traballando en novos modelos de panos. De feito acaba de sacar un par de mantóns e xa prepara outro tipo de propostas novidosas.

Texto: A.R./ Fotos cedidas/ Vídeo: Sandra.

 

Artigos relacionados

Back to top button