DeportesÚltima hora

A pista cuberta de Ourense dará acollida no 2023 á Copa de clubs e o nacional Sub16

Pista cuberta de Ourense./ Foto: FGA.

 

Novamente a pista cuberta de Ourense acollerá durante o 2023 a disputa de dúas importantes citas nacionais. En concreto será o día 11 de febreiro cando sobre o sintético ourensá se reciba o Campionato de España de clubs Copa RFEA e Copa Iberdrola que dará acollida aos mellores clubs de España en ambas categorías na procura deste importante título. Lembramos que a edición do ano pasado, que se celebrou Barcelona, coroaba na categoría femenina ao Playas de Castellón e ao F.C.Barcelona na masculina.

Un mes e medio máis tarde, o 25 e 26 de marzo, novamente cita atlética ao máis alto nivel. Desta ocasión o recinto cuberto recibe ás máis importantes promesas do noso deporte ca disputa do Campionato de España Sub16 de pista cuberta na que estarán en liza un importante número de atletas achegados de todas as partes do Estado.

Ourense, referente de instalación e organización

Desde a inauguración da pista cuberta a finais do ano 2017, Ourense convertiríase de maneira inmediata no epicentro de toda a actividade autonómica que ata ese intre viña ocupando o recinto cuberto de Riazor con máis de medio século de antiguedade.

De igual modo, as prestacións e a calidade da mesma, foi motivo para que se desenvolveran cinco campionatos de España entre os que se atopan o Sub20 no ano 2018, os campionatos máster nos anos 2019 e 2021 e os máis importantes ata o momento, os campionatos de España absolutos dos anos 2020 e 2022, desenvoltos todos eles cun notable éxito tanto no deportivo como no organizativo.

Artigos relacionados

Back to top button