En pleno confinamento, a poeta, actriz e dramaturga barquense Fátima N. Delgado vai presentar o seu poemario Ouveos/Aullido, a través das redes sociais. Será este xoves 14 de maio no Instagram Life da editora Seda de Biso (@sedadebiso).
Esta colección de poemas en formato bilingúe (galego/castelán) é o primeiro libro que presenta esta editorial cántabra, recentemente fundada polo artista plástico Néstor Revuelta Zarzosa, e nace no ano 2008 entre Madrid, Galicia e Liverpool “en plena etapa de crise conómica e por que non dicilo vital”, conta a propia autora.
Os poemas recollidos nesta obra amosan un “desencanto, un pesimismo imperante que se manifesta en forma de berro, de ouveo, intentando darlle voz a distintos personaxes, ás súas vidas e aos seus demos”, explica Fátima. Unha escuridade, que se vei deslumbrada pola luz da esperanza. “Finalmente será o amor quen nos salve”, conta a propia autora, quen, como muller creadora, pon as súas cartas enriba da mesa e maniféstase como unha voz fresca á que escoitar.
No acto de presentación que comezará ás 19 horas, Fátima recitará os seus poemas e ademais haberá unha charla-coloquio co editor, Néstor Revuelta, encargado do deseño e ilustración do libro.