ConcellosTrivesÚltima hora

A Policía Local de Trives amplía as súas competencias para ofrecer “un servizo máis eficiente e completo á cidadanía”

A alcaldesa destaca que os obxectivos son atender as demandas veciñais, "ofrecer asesoramento, facilitar trámites e sobre todo garantir a seguridade, a convivencia e o respecto"

 

A alcaldesa de Trives, Patricia Domínguez, vén de definir, xunto cos axentes da Policía Local, os que serán os seus cometidos e competencias, “sempre en aras de ofrecer un servizo máis eficiente e completo á veciñanza”, sinala a rexedora. Así, a Policía Local encargarase da implementación dun sistema de xestión integral de violencia de xénero en colaboración coa Garda Civil, co fin de brindar maior cobertura, seguridade e rapidez nas actuacións relacionadas con este tema. Ademais, profesionalizará a realización de informes sobre limpeza de leiras e habitantes no padrón e creará un departamento de obxectos perdidos para recoller, depositar e entregar os atopados e extraviados na xefatura da Policía Local.

En canto á educación viaria e a seguridade cidadá, “que serán dúas das súas prioridades, os axentes impartirán cursos en colexios e institutos para sensibilizar e concienciar a mozos e mozas sobre a importancia destas materias. Así mesmo, revisarán a sinalización da vila para mellorar a mobilidade e o tráfico urbano”, adianta a alcaldesa.

Para controlar o estacionamento nas rúas da zona antiga, implementaranse as tarxetas de residentes. Tamén ofrecerán asesoramento e tramitarán tarxetas de armas da categoría 4 accionadas por aire ou outro gas comprimido e levarán a cabo un rexistro municipal de cans potencialmente perigosos, para a tramitación das correspondentes licencias administrativas.

A Policía Local de Pobra de Trives revisará as ordenanzas locais existentes para poñelas ao día e elaborará informes para as novas ordenanzas de bo Goberno e Convivencia. Deste xeito, búscase regular temas importantes para a vida en comunidade, como o ruído e a contaminación acústica, a recollida de residuos, a venda ambulante, a limpeza de terreos e solares, a protección contra incendios forestais, as terrazas, os animais domésticos, o uso da vía pública, o uso do mobiliario urbano, os actos vandálicos, os actos de mendicidade, o réxime sancionador, entre outros temas.

Con estas medidas, a Policía Local de Pobra de Trives espera mellorar un servizo que “é esencial para a cidadanía e que contribúe dun xeito determinante ao seu benestar, pero especialmente á conviencia e á boa veciñanza”. Neste sentido, a alcaldesa de Trives agradeceu a boa acollida que están recibindo os axentes entre os veciños, que “xa empezan a valorar a súa contribución cando apenas levan dous meses nos seus novos postos. Sen Policía Local este consello está coxo, así que despois da incorporación dos novos axentes estivemos traballando no catálogo de servizos que van prestar, pensando sempre en mellorar a convivencia, a seguridade e o respecto”, indica Patricia Domínguez.

Artigos relacionados

Back to top button