ConcellosTrivesÚltima hora

A Policía Local de Trives incorpórase ao Sistema VioGén para o seguimento dos casos de violencia de xénero

Na xunta de seguridade aprobouse o último trámite relativo á adhesión ao protocolo da Federación Española de Municipios e Provincias

Concello de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A xunta local de seguridade celebrada esta mesma semana daba luz verde ao último trámite preciso para a incorporación da Policía Local de Trives ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén). No encontro participaron a alcaldesa, Patricia Domínguez; a responsable da Unidade VioGén na Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias, e o secretario desta institución, Manuel Arias, ademais dos axentes da Policía Local e a Garda Civil.

Este sistema permite que a Policía Local dispoña de maior información sobre todos os casos activos de violencia machista existentes no municipio, asumindo o seguimento e control dalgúns destes casos. En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, na actualidade neste concello hai activos no Sistema VioGén dous casos, un deles de especial vulnerabilidade e ambos con medidas xudiciais de aproximación e comunicación.

Coa adhesión de Trives, a provincia de Ourense contará con dez concellos incorporados a este Sistema para o seguimento das vítimas de violencia de xénero. Cómpre lembrar que o Concello da Pobra de Trives recuperou este mesmo ano a súa Policía Local, un servizo que o goberno local se atopara en precario e incluso en perigo de desaparición.

Coa incorporación de dous axentes reforzouse o servizo xa que a situación era tan precaria que parte das competencias propias da Policía Local, como as relacionadas co tráfico, tiveron que ser transferidas á Garda Civil. Agora recupéranse as súa responsabilidades habituais e engádense novas, como as relacionadas coa seguridade viaria ou a atención ás vítimas de violencia de xénero.

Artigos relacionados

Back to top button