OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén a unha persoa en Ourense por presunto delito de estafa en internet

 

Axentes da Policía Nacional detiñan o día 4 de agosto a unha persoa en Ourense por un presunto delito de estafa. O detido suplantara a imaxe dun portal bancario mediante o cal logrou as claves de seguridade para realizar un ingreso á súa conta.

“A vítima, ao acceder a través de internet á súa conta bancaria, recibiu unha mensaxe no que se avisaba da instalación dun arquivo para achegarlle maior seguridade na navegación. Mentres tiña lugar a instalación dese arquivo, desde unha xanela emerxente solicitouse que introducise unha clave da tarxeta de coordenadas. Unha vez introduciu a clave, recibiu a continuación no seu teléfono móbil unha mensaxe indicándolle a realización, sen o seu consentimento, dunha transferencia bancaria de 500 euros”, segundo informa a Policía Nacional.

Tras a análise dos datos, os Axentes de Policía Nacional determinan a participación do detido, que é residente en Ourense, na transferencia fraudulenta de diñeiro. Despois de diversas investigacións, esta persoa era detida e posto ao dispor xudicial.

Recomendacións na navegación na internet

Dende a Policía Nacional destácase a importancia de seguir algunhas pautas “para incrementar a seguridade no uso das tecnoloxías e evitar ser vítima de estafas dixitais”. As súas recomendacións son as seguintes:

• Actualizar a miúdo o sistema operativo, as apps ou programas que máis se utilicen. Estas actualizacións adoitan incorporar parches que emendan brechas de seguridade e por iso é importante mantelos a día.

• Contar cun antivirus e renovar a súa actualización para dispoñer sempre das últimas novidades en seguridade.

• Non abrir correos electrónicos ou mensaxes que resulten sospeitosos, por exemplo de servizos que non se pediron ou aqueles nos que se ofrezan agasallos.

• Evitar seguir ligazóns pouco fiables e non descargar arquivos adxuntos dos que non se teña clara a procedencia.

• Desconfiar de redes wifis descoñecidas, incluso as redes que a miúdo se poñen ao dispor en hoteis ou restaurantes.

• Cando se navegue por internet, comprobar que a páxina web vén precedida polo prefixo https.

• Pechar a sesión; os ataques hacker pódense dar tamén en computadores en repouso e se as sesións permanecen abertas poderían acceder a elas sen necesidade de saber as claves.

• Crear contrasinais fortes combinando caracteres, maiúsculas, minúsculas e números, ademais de renovalas frecuentemente e nunca compartilas con terceiros.

• Pódese ampliar información sobre estes temas, con material formativo e diversos recursos na web do “Instituto Nacional de Seguridade” INCIBE.

E, se se produciu unha estafa en liña, as recomendacións da Policía Nacional son estas:

• Acuda á entidade bancaria para solicitar o extracto de movementos debidamente acreditado onde figuren os cargos que foron consecuencia da estafa.

• Solicite a máxima información posible a preto da páxina web mensaxe de texto ou modus operandi que se utilizou

• Con estes datos, acuda canto antes a dependencias policiais para formular denuncia.

Artigos relacionados

Back to top button