OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén a unha persoa en Ourense por un delito de lesións

 

Na madrugada do día 31 de xullo a Policía Nacional detiña a unha persoa en Ourense por un presunto delito de lesións. “Ao redor da 1 da madrugada recíbese na Comisaría Provincial de Ourense unha chamada comunicando que hai un home con feridas de arma branca na vía pública”, explican dende a Policía Nacional que envía a unha patrulla ata o lugar indicado onde se atopa “un home que presenta varias feridas que ao parecer foron causadas cunha arma branca”.

Os policías actuantes solicitan a presenza dunha ambulancia para atender ao ferido, sendo este trasladado ao servizo de urxencias do Centro Hospitalario Universitario de Ourense debido “á gravidade das lesións”. A vítima facilitou aos axentes de Policía Nacional, “unha descrición moi detallada da persoa que lle causaba as lesións, procedéndose a comunicar estes datos a todos os policías en servizo, e iniciando un dispositivo de procura en colaboración con Policía Local, quen finalmente localizan a un home que coincide plenamente coa descrición facilitada polo ferido”, detallan dende a Policía Nacional, engadindo que “unha vez localizada esta persoa solicitan a presenza no lugar dunha dotación de Policía Nacional que procede á súa detención”.

Entre as pertenzas do detido logran achar “unha navalla con restos biolóxicos na folla e que podería ser usada para cometer os feitos”. Tras a súa detención é trasladado a dependencias policiais pasando a disposición xudicial e “decretando finalmente o xuíz o seu ingreso en prisión”.

Artigos relacionados

Back to top button