OurenseÚltima hora

A Policía Nacional detén en Ourense a varios cidadáns de países do leste por delitos de falsidade e estafa

 

Axentes de Policía Nacional iniciaban en Ourense o pasado día 13 de setembro de 2023, no marco da operación “Timisoara”, unha serie de detencións de varios cidadáns de países do leste, como presuntos autores de delitos de falsidade e estafa.

“Axentes da Brigada Provincial de Estranxeiría e Fronteiras desta Comisaría Provincial de Policía Nacional poñían en coñecemento da Autoridade Xudicial a comisión de delitos de falsidade documental e estafa tras a presentación por parte de determinados cidadáns estranxeiros de certificados de rexistro da unión falsos, falsificados ou extinguidos ao obxecto de percibir axudas sociais. Estas axudas requiren como condición esencial ter a residencia legal e efectiva en España, situación que no caso dos cidadáns da Unión europea está condicionada á obtención do certificado de rexistro de cidadán da Unión Europea”, explican dende a Policía Nacional.

Control de expedientes

Así a Policía Nacional, a través das Brigadas de Estranxeiría e Fronteiras, encárgase do labor de control da legalidade dos diferentes documentos presentados por cidadáns estranxeiros nas administracións, así como o control sobre os expedientes de axudas sociais solicitados polos mesmos durante a súa estancia en territorio nacional por se neles puidese detectarse algún tipo de irregularidade documental.

Falsificación documental

Os Axentes de Policía da Brigada de Estranxeiría e Fronteiras de Ourense, detectaron que os certificados usados para recibir as axudas sociais foran falsificados partindo de certificados lexítimos, mediante a utilización de soportes que figuran como subtraídos ou extraviados, ou a realización de certificados falsos integramente ou con datos pertencentes a terceiras persoas.

Estas falsificacións tiñan como fin obter axudas sociais como a RISGA (Renda de Inclusión Social de Galicia) e o IMV (Ingreso Mínimo Vital) ou axuda de ALUGUER do Concello de Ourense.

En total detivéronse desde o inicio da operación a 8 cidadáns estranxeiros os cales defraudarían conxuntamente unha cantidade superior a 40.000 euros.

Artigos relacionados

Back to top button