En portada

A posta en valor turística da minería romana na Galicia interior terá que esperar

O partido socialista presentaba no Parlamento galego unha proposición non de lei pedindo un estudo para o aproveitamento turístico das minas auríferas romanas das provincias de Lugo e Ourense, pero non logrou o apoio do PP
Médulas de Caldesiños en Viana do Bolo. /Foto: Carlos G. Hervella
Médulas de Caldesiños en Viana do Bolo. /Foto: Carlos G. Hervella

Oito votos en contra do PP e cinco votos a favor do PSdeG-PSOE, BNG e AGE. Este foi o resultado da votación da proposición non de lei relativa á posta en valor turística da minería de ouro romana da Galicia interior que presentaba o PSdeG-PSOE no Parlamento galego. Era un dos puntos da orde do día da Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo que se celebraba na mañá do 2 de abril.

Nesta proposición non de lei, que foi defendida na comisión pola deputada valdeorresa do PSdeG-PSOE Carmen Acuña destacaba a enorme relevancia dos restos de explotacións mineiras existentes en comarcas ourensás como a de Valdeorras e Terra Trives, así como noutros puntos de Ourense e mesmo en zonas do sur de Lugo como é o caso de Quiroga e Ribas de Sil. Ademais indicía no interese de crear unha oferta turística conxunta galega e poñela en relación coa que xa existe no xacemento das Médulas, Patrimonio da Humanidade dende o ano 1997, e polo que pasan ao ano milleiros de visitantes. Por iso na proposición presentada pedíase ao Parlamento galego que “instase á Xunta de Galicia a iniciar, de forma inmediata, un estudo sobre as posibilidades turísticas da pegada da minería nas terras do sur de Ourense, tratando de unir a oferta á que xa se fai dende as Médulas de León e creando a ruta turística da minería romana polas terras da Galicia interior, Ourense e Lugo”.

Acuña salientou que este sería “un recurso turístico novo, non estacional” que favorecería o desenvolvemento das provincias de Lugo e Ourense, “as grandes esquecidas”. Ademais lembrou que esta iniciativa xurdiu a raíz dun traballo xornalístico realizado polo Periódico O SIL que despois se convertiría no libro “Ouro na Galicia interior. Minería romana”. “Este patrimonio”, resaltaba a deputada, “merece unha especial atención do Goberno polas sinerxias turísticas que se poderían xerar co Bierzo”. Para elo, engadía, “deberá comezarse co estudo e catalogación dos recursos, para poñelos en valor dunha maneira global”.

Esta proposta contou co apoio dos grupos do BNG e de AGE, que coincidiron no interese desta iniciativa, pero non cos do PP, que presentou unha emenda de substitución coa que pretendía cambiar a petición socialista pola seguinte: “O Parlamento de Galicia, insta á Xunta de Galicia a trasladar aos concellos que conforman o Xeodestino nº12, a importancia de que no Plan Director, que elaborará o Inorde, se teñan en conta as posibilidades turísticas da pegada da minería na provincia de Ourense, tratando de unir a oferta á que xa se fai dende as Médulas de León”. Así o sinalaba dende o grupo parlamentario do PP, o valdeorrés Moisés Blanco.

Tamén explicou que o Plan Integral de Turismo de Galicia 2014-2016 xa contempla a promoción do turismo cultural (herdanza da romanización) e o turismo industrial (apoio á recuperación a través dun uso que contribúa á súa conservación e difusión).

No turno de réplica, Carmen Acuña reprochoulle a Blanco que “cada vez que o noso grupo trae unha iniciativa con algo a favor de Valdeorras, vostede impide que prospere”. E díxolle que “cando menos non estorbe” e pedíulle o seu voto favorable a esta iniciativa e que deixara de “poñerlle trabas a Valdeorras”. Para Acuña a enmenda de substitución dos populares “bota a pelota para o tellado dos concellos”. Tamén lle ofreceu, sen éxito a oportunidade de incorporala como engadido, porque consideraba que hai que “recuperar e poñer en valor e para iso as adminstracións locais non teñen capacidade”. Acuña tamén subliñou que “o verdadeiro valor da oferta o daría dar diversidade e magnitude á minería”, da que existen restos alomenos en 20 concellos das provincias de Lugo e Ourense.

Finalmente a proposta non saiu adiante ao votar en contra os 8 representantes do PP, fronte aos cinco votos a favor de PSdeG-PSOE BNG e AGE.

A socialista Carmen Acuña, na comisión de Cultura do Parlamento.
A socialista Carmen Acuña, na comisión de Cultura do Parlamento.
O deputado do PP, Moisés Blanco.
O deputado do PP, Moisés Blanco.

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button