ConcellosEn portadaEntroido 2023Galerías de fotosManzanedaÚltima horaVídeos

A primeira saída do Fulión da Mourela p’acá por Trabazos estrea o Entroido en Manzaneda

 

Co son de cornas, sachos, gadañas e bombos e coa fermosa danza das Mázcaras volve cobrar vida o Entroido no oriente ourensán. Na noite do venres, o Fulión da Mourela p’acá (Manzaneda) realizaba a súa primeira saída cunha visita á aldea de Trabazos.

 

 

O ritual comezaba coa petición de permiso en versos das Mázcaras aos representantes da localidade visitada. “E agora cando nos deades o permiso/ a corna dará a saída,/ os bombos poranse a tocar/ e as Mázcaras xira que xira“, dicía unha das Mázcaras do fulión. Licenza que lle concendía o representante de Trabazos: “Como vos ben sabedes/ dá moito gusto escoitar/ os bombos no pueblo tocar/ e as Mázcaras tamén bailar. (…). Así que non perdamos o tempo/ falo por todos cando digo que podedes pasar/ e o folión entre todos/ empezar a tocar“.

 

 

O son das chocas das Mázcaras, as cornas e dos bombos, non se facía esperar, enchendo á aldea da forza sonora do Entroido e dos bailes as Mázcaras. Comezaba así un ronda que percorría Trabazos, con diversas paradas nas que os membros do fulión eran agasallados con diversas bebidas e petiscos, ao que nalgún casos respondían con versos.

 

 

Ao rematar a ronda, o pobo de Trabazos ofrecíalle ao fulión unha cea que xuntaba á veciñanza e aos visitantes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button