EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

A provincia, en plena vendima

A D.O. Monterrei entra en campaña e súmase aos traballos de recollida que se están a desenvolver en Valdeorras, Ribeira Sacra e Ribeiro
Imaxe de vendima na provincia./ Carlos G. Hervella.
Imaxe de vendima na provincia./ Carlos G. Hervella.

Cun adianto de case unha semana con respecto ao ano pasado, comezaba a vendima na D.O. Monterrei o 7 de setembro. A primeira adega en iniciar os traballos de recollida era Castro de Lobarzán coas uvas de mencía, araúxa e merenzao. “Espérase unha boa campaña dado que o estado fitosanitario das uvas é moi bo, debido principalmente á escasez de precipitacións durante o ciclo fenolóxico da planta”, segundo se informa dende o seu consello regulador. As previsións que manexan os seus técnicos indican que poderían “superarse amplamente os 3 millóns de quilos de uva.

Monterrei súmase así ao resto das denominacións de orixe da provincia de Ourense que xa están en campaña. A que abría en vendima non en Ourense, senón tamén en Galicia, era Valdeorras. Así o 24 de agosto a adega barquense Godeval comezaba a cortar os primeiros acios da variedade branca godello. Logo ían sumándose outras adegas da denominación. A causa deste adianto está na brotación temperá na primavera e nas altas temperaturas do verán. Valdeorras espera moita calidade e unha colleita similar en quilos ao do ano pasado.

Na Ribeira Sacra, denominación da cabalo entre as provincias de Ourense e Lugo, están asemade en campaña. O pasado 24 de agosto os técnicos do seu consello regulador iniciaban os controis de maduración co fin de determinar o estado da uva e axudar a establecer a data oficial recomendada para a vendima. Cinco días despois, o 29 de agosto, empezábase a campaña 2015 da man da adega María Otilia Arias García, pertencente á subzona de Amandi en Sober (Lugo). Esta denominación destaca asemade a calidade que presenta a uva e tamén cantidade, en concreto, un incremento dun millón de quilos con respecto ao pasado ano.

Tamén en plena recollida está o Ribeiro, que comezaba tamén cun lixeiro adianto de dez días con respecto á campaña anterior. A meteoroloxía favorecía o adianto e tamén a calidade das uvas. Este ano esta denominación agarda recoller os 14 millóns de quilos, superando os preto de 12 millóns do 2014.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button