SanidadeÚltima hora

A provincia rexistraba no 2021 o triple de casos de Covid que en 2020, pero cunha letalidade 5 veces menor

Os tramos de idade máis afectados desprazáronse desde os maiores de 70 anos en 2020 (26.5%) aos menores de 29 (35.9%) en 2021

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras contabilizaba no 2021 un total de 23.061 casos de Covid, “case o triple que en 2020 (8.632) cunha letalidade cinco veces menor. Pese a un número de ingresos moi superior, 2.158, a proporción de persoas contaxiadas que precisaron ser hospitalizadas foi moito menor que en 2020. En concreto nove de cada cen, fronte ás quince de cada cen de 2020. Ano no que se rexistraron 1.291 ingresos Covid”, segundo vén de informar a Consellería de Sanidade.

O rasgo diferencial neste segundo ano de pandemia foi sen dúbida a vacinación: en 2021 administráronse na provincia máis de 680.000 doses, ata chegar ata o 95% da poboación coa pauta completa. Xunto á vacinación, 2021 foi o ano do avance nas probas diagnósticas, cun importante aumento da capacidade e dispoñibilidade. Pasando de 223.088 probas, en 2020, a mais do dobre en 2021: Ata 535.000, sendo 276.000 PCRs, segundo os datos achegados por Sanidade.

Nos primeiros meses da pandemia, o Servizo de Microbioloxía realizaba entre 300 e 400 PCRs diarias. A PCR, complexa proba de bioloxía molecular, pasou a ser de referencia co SARS-COV2. Mostra delo, en Ourense realizáronse 2.000 PCRs diarias de media o pasado mes de decembro.

A vacinación e seguemento continuado trouxo consigo unha progresiva redución de casos de Covid en persoas de idades avanzadas, nas que a enfermidade ten maior risco, xa que pode descompensar enfermidades crónicas ou pluripatoloxías previas, ademais de que, coa idade, o sistema inmune debilítase.

Así, desde o inicio do proceso de vacinación, a finais de decembro de 2020, os tramos de idade máis afectados desprazáronse desde os maiores de 70 anos (que supoñían en 2020 o 26,5% das persoas contaxiadas) aos menores de 29, que representan o 35,9% con respecto a 2020.

Observando só a evolución dos casos entre os maiores de 80 anos o cambio é drástico: representaron o 6,1% dos casos en 2021 fronte ao 16,1% en 2020. Unha das variacións máis acentuada neste periodo.

Nestes dous anos en Ourense faleceron 466 persoas. Pese a cada vez menor gravidade dos casos e unha letalidade cinco veces menor, derivada da vacinación, o coronavirus segue a estar vinculado a falecementos, 157 ourensáns o pasado ano, lonxe, afortunadamente, dos que 309 que a pandemia se levou na nosa provincia en 2020, a tres de cada cen persoas contaxiadas.

Vacinación

Fíxoase un esforzo para vacinar a máis de 263.750 ourensáns e administrarlles, a 167.455, a terceira dose de reforzo. Comezando pola poboación mais vulnerable, e avanzando por idade, neste intre estase completando a das persoas de entre 40 e 49 anos, e vense de iniciar, unha vez aprobada, a vacinación dos nenos e nenas menores de 12 anos.

Ao peche do ano, 6.376 persoas recibiran a primeira dose, e restan 14.000 que, pese a poder vacinarse non o fixeron.

Ademais da vacinación, mantense un esforzo de control, por medio de cribados poboacionais periódicos e regrados en residencias sociosanitarias, para limitar a extensión e transmisibilidade do virus.

En 2022, pese a efectiviade demostrada pola vacinación para reducir mortes e complicacións graves as medidas de prevención continúan a ser clave: extremar a hixiene de mans, usar máscara, a ventilación periódica dos interiores, a distancia de seguridade e, sobre todo, a interacción social prudente para limitar os contaxios, os danos na saúde e a perda de vidas e, tamén, os danos no tecido económico e laboral da sociedade no seu conxunto.

Toda aquela persoa que desexe vacinarse fronte a Covid e non o fixera pode facelo chamando ao 981 215 930 ou acudindo sen cita ao punto de vacinación mais próximo (neste intre nos hospitais de Verín e Valdeorras e en Expourense).

Artigos relacionados

Back to top button