
Mantense a escalada de casos activos de coronavirus na provincia de Ourense. Nesta xornada de domingo 4 de outubro rexístranse un total de 946 (55 máis que onte) na Área Sanitaria Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, tal e como vén de informar a Consellería de Sanidade. Dese conxunto de pacientes hai 72 ingresados (deles 8 na Unidade de Coidados Intensivos) e 874 que están a seguemento a domicilio. Hai que ter en conta que os casos activos son o resultado de sumar os novos casos e de restar as altas rexistradas. Son ademais 97 casos novos de coronavirus detectados dende onte nesta área sanitaria.
Así, o Hospital Universitario de Ourense ten 47 ingresos en planta e 7 en UCI, mentres que o Hospital de Valdeorras mantén 5 ingresos en planta e o de Verín 12. Ademais no CO.SA.GA. hai un ingreso en planta e na Clínica El Carmen outro na UCI.
O total de casos rexistrados na provincia ascende a 3.869, con 2.768 curados e 155 falecementos. Ata o de agora lévanse realizado 63.695 probas PCR, 718 delas nas últimas 24 horas.
As cifras en Galicia
A área sanitaria ourensá segue a encabezar as cifras de coronavirus en Galicia. Segundo a actualización de datos deste domingo da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.038, deles 819 son da área da Coruña, 493 da de Lugo, os xa citados 946 da de Ourense, 689 da de Pontevedra, 445 da área de Vigo, 530 da de Santiago, e 116 da de Ferrol.