En portadaÚltima horaVídeos

A reforma das áreas de cirurxía maior ambulatoria, hospital de día e farmacia no HPV rematará antes de finalizar o ano

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaba esta mañá as obras que se están a realizar no Hospital de Valdeorras

 

“Vimos de visitar as obras do Hospital Público de Valdeorras para comprobar que o que a Xunta anuncia con este centro, cúmprese, e que iso se transforma en realidades que hoxe comprobamos en primeira persoa”, dicía o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, tras percorrer as zonas que se están a reformar no hospital barquense e a habitación piloto que conta xa co seu mobiliario completamente renovado. Nesta visita o conselleiro de Sanidade estaba acompañado polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, así como polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial, e pola directora do Distrito do Barco, Margarita Rodríguez.

 

 

García Comesaña lembraba que estas obras de reforma están a permitir ampliar o hospital de día onco-hematolóxico e mellorar as áreas de preparación e de recuperación na unidade de cirurxía maior ambulatoria,” o que vai posibilitar incluír máis procedementos cirúrxicos e modernizar as instalacións da farmacia hospitalaria. Trátase dun investimento de 1,2 millóns de euros que avanza a un ritmo que nos vai permitir concluír estas tres obras antes de finalizar o ano. Agora toca concluír e equipar tamén estas obras e xa temos adquiridos por 212.355 euros o equipamento da nova farmacia, son equipos de fluxo laminar e reenvasadoras de sólidos unidose, un almacén automático en formato carrusel vertical e tamén equipos de refrixeración”.

 

 

Por outra banda, o conselleiro recoñecía que “hao outra reforma pendente neste edificio que é a das consultas externas. Aí tivemos algún problema, a empresa adxudicataria abandonou a obra e tivemos que licitar de xeito urxente, neste caso a través da empresa pública Tragsa e por 650.000 euros o reinicio desas obras que xa empezaron e a previsión é que no vindeiro ano estean tamén rematadas”. En conxunto, hai investimentos en marcha neste hospital, “por importe de 1,8 millóns de euros en obras e de 950.000 en equipamento tecnolóxico para mellorar a prestación sanitaria”, resaltaba.

 

 

Ademais o titular de Sanidade indicaba que existe outro equipamento non tecnolóxico que o persoal e os usuarios reclamaban, como é o mobiliario das habitacións. Ao respecto, “o Sergas investirá 370.000 euros para esa renovación integral de 106 camas, 106 mesillas e 106 sillóns neste hospital”.

 

 

O conselleiro comprobou in situ como queda a primeira habitación piloto e agora, ao longo das vindeiras semanas, “se instalará progresivamente o mobiliario no resto das habitacións para iniciar o próximo ano cunha renovación total da comodidade da funcionalidade, e mesmo do aspecto de todas as habitacións de hospitalización deste edificio”. En consecuencia, o Hospital de Valdeorras, incidía “vai ter un investimento global de máis de tres millóns de euros en obras, tecnoloxía e mobiliario”.

No referido á dotación de persoal para o HPV, García Comesaña indicaba que “a Xunta segue a actuar no eido das súas competencias para garantir a provisión de persoal no conxunto dos hospitais comarcais”. Así, onte mesmo rematou o prazo para elixir destino na oferta pública de emprego para 2 prazas de traumatoloxía e 4 de medicina interna, “coa que se poderán cubrir seis prazas neste hospital”.

 

 

Tamén onte mesmo, a Xunta rexistraba no Parlamento o Proxecto de lei de medidas extraordinarias para a provisión de prazas de difícil cobertura no Sergas. “Esta é unha lei que vai máis aló do que nunca foi ningunha comunidade autónoma para incentivar estas prazas e habilita ao Executivo galego a poder convocar, por concurso de méritos e sen oposición, prazas de especialidades sanitarias con díficil cobertura nos hospitais comarcais”. Esta norma dá ademais un rango legal a outros incentivos que a Xunta leva tempo desenvolvendo para o persoal que ocupa estas prazas.

 

 

Finalmente, Comesaña “agradeceu ao persoal deste hospital o traballo que realiza”. Para eles, e para os pacientes, o conselleiro deixou a mensaxe de que “Valdeorras e o resto de hospitais comarcais están sempre nas prioridades da Xunta á hora de lexislar, á hora de dotar de persoal é a hora de facer investimentos en mobiliario, tecnoloxía ou obras de reforma”.

 

 

Finalmente, o conselleiro de Sanidade manifestaba que “agardamos volver a este hospital pronto e que os resultados destes investimentos e destas reformas lexislativas teñan canto antes o efecto directo para a poboación de Valdeorras.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button