OurenseÚltima hora

A Rehabilitación Fondodevila, en Parada de Sil, entre as 11 obras galegas que optan aos Premios Arquitectura 2025

Os organizadores, o Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) e COMPAC®, anunciaron esta mañá as propostas seleccionadas na segunda fase dun certame que se fallará o 3 de xullo en Madrid

Rehabilitación Fondodevila, Parada de Sil./ Cedida.

 

A arquitectura contemporánea galega está de novo de parabéns, xa que 11 obras galegas optan aos Premios ARQUITECTURA 2025 do Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSAE), en colaboración con COMPAC®. Os premios entran así na segunda fase da súa cuarta edición coa presentación das 201 obras escollidas que foron anunciadas esta mañá en rolda de prensa. En total, nesta edición presentáronse 456 propostas que abarcan as distintas disciplinas da Arquitectura. A finais de maio, reunirase un xurado formado por arquitectos/as de recoñecido prestixio para elixir as propostas finalistas aos premios. Os proxectos gañadores anunciaranse o vindeiro 3 de xullo no transcurso dunha cerimonia que se celebrará en Madrid.

Inicialmente presentáronse aos premios 32 propostas galegas, que foron avaliadas por un comité de selección designado pola xunta de goberno do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e integrado polas arquitectas Mariña Sabela Jordán, Candelaria Cecilia López, e os arquitectos José Manuel Bermúdez e José Luis Gil Pita, que actuou como secretario dun xurado paritario que ademais cose xeracións diversas. Seleccionaron 11 proxectos: En edificación, a Casa Mallou, en Santiago de Compostela; o Centro Cultural Forges, na Fonsagrada; o Muíño de Porto do Molle, en Nigrán; a rehabilitación Fondodevila, en Parada de Sil; e o Pazo de Martelo, en Rianxo. En arquitecturas mínimas, o Xardín de Panchés (A casa das silvas), en Panchés (Carnota); en arquitecturas efémeras, a Cabane 7L, en Roma (Italia); e en espazo público, o Ascensor Urbano “HALO”, en Vigo; a Praza do Pombal, en Carballo; e a mellora e acondicionamento do “Carreiro do Rollo”, en Salceda de Caselas. Tamén destaca un proxecto de divulgación: a revista “VAD 11. Os Arquivos”.

O COAG sinala que as propostas galegas preseleccionadas son “obras de campos moi amplos, que cortan transversalmente a profesión e que unen diferentes perspectivas da arquitectura, con proxectos de dentro e fóra de Galicia, de pequena e gran escala nos que se aprecian a preocupación pola boa execución da arquitectura galega contemporánea”. Destacan unha revista científica; equipamentos como infraestrutura urbana; unha vivenda unifamiliar; un xardín natural que funciona como un ensaio crítico arquitectónico; varios espazos públicos que, aínda sendo de pequena escala, posúe unha alta valorización do común en contornas rurais, con atención ao detalle, para unha mellora do espazo compartido tradicional; a rehabilitación dun equipamento arquitectónico vernáculo, a rehabilitación dun compacto núcleo doméstico vernáculo; a rehabilitación patrimonial dun pazo urbano; ou a creación dun centro cultural para o arquivo do humorista Forges nun antigo edificio.

11 OBRAS GALEGAS SELECCIONADAS

Casa Mallou en Santiago, de DOSESMAS Arquitectos

Polos valores arquitectónicos que se derivan especialmente no coidado dunha implantación doméstica nun escalón que articula unha parcela en caída. Pola reflexión da fachada como elemento activo de diálogo no in between entre o espazo público normativo e un programa de usos articulado necesariamente en caída de cota. Pola coherencia da implantación e o seu diálogo ao espazo común ao mesmo tempo que a organización dun básico programa de habitación familiar.

Centro Cultural Forges na Fonsagrada, de Daniel Gómez Magide

Polo exercicio de tranquilidade arquitectónica xerado nunha parcela constrinxida e na que resulta difícil non recargar o espazo orixinal habitable dun condominio de moi escaso tamaño. O proxecto promociona uns percorridos libres que se alixeiran desde a rúa ata chegar ao patio interior, sen querer intercalar máis arquitectura que a xa existente. O voluntario anonimato arquitectónico é necesario para poder alixeirar a pequena escala e así chegar a albergar e valorizar entre outros usos o dunha colección artística como a proposta do histórico debuxante Antonio Fraguas Forges.

Rehabilitación do Muíño do Porto de Molle, en Nigrán, de Gándara Pons Arquitectos

Por dar unha resposta o máis fidedigna posible ao edificio e a súa contorna, no concernente á recuperación dun dos muíños, así como á súa infraestrutura hidraúlica, apoiados no estudo arqueolóxico e na memoria dos aldeáns, como iniciativa divulgativa dunha edificación catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC), que se atopaba en estado ruinoso, mediante a recuperación da arquitectura tradicional e a súa adaptación ás novas necesidades culturais e sociais. Demóstrase mediante esta intervención a capacidade de loita e forza que a arquitectura tradicional mostra fronte á adversidade de determinados contextos.

Rehabilitación Fondodevila, en Parada de Sil, de PLP Atelier

Por dar unha resposta habitacional adaptada ás necesidades actuais nunha contorna do rural, mediante a rehabilitación dun conxunto de edificacións irregulares preexistentes, na que se desenvolve un elemento conector que recupera o espírito dos patíns tradicións en clave contemporánea, permitindo deste xeito a permeabilidade espacial e a entrada de luz nos zaguanes. Estes elementos de contemporaneidade introducidos ao interior dun caserío tradicional, xeran unha tensión de descarga ou lixeireza fronte á contundencia pétrea, como a técnica xaponesa do kintsugi, onde en lugar de ocultar a fractura, saliéntaa e transfórmaa nun novo e coherente concepto arquitectónico vernáculo.

Rehabilitación do “Pazo do Martelo” en Rianxo, de Sandra González Álvarez (PØST ARQUITECTAS)

Por ser, en primeira instancia, unha proposta que parte dunha investigación precisa, a nivel histórico e construtivo, do patrimonio arquitectónico e do seu valor social para a histórica vila de Rianxo. Por propoñer e executar un correcto e complexo traballo de rehabilitación, eliminando remodelacións anteriores sen valor engadido, respectando os valores intrínsecos que permitisen unha lectura contemporánea desta pegada do noso pasado común, o dos pazos e edificios monumentais, ao mesmo tempo que se introducen as obrigadas esixencias actuais de eficiencia enerxética. Por resultar un exemplo coherente entre o respecto ao pasado e a actividade contemporánea na moi necesaria práctica arquitectónica da rehabilitación e remodelación, cunha calidade exemplar de transformación da arquitectura patrimonial tan necesitada de remodelación, preservación e valorización.

HALO Ascensor Urbano en Vigo, de AM2 Arquitectos, NOARQ e Arenas & Asociados

Pola visión positiva ao aproveitamento dun emprazamento residual entre infraestruturas formulando unha nova que articula o espazo público e xera un miradoiro á cidade. Unha proposta froito de políticas municipais de rexeneración e sustentabilidade urbanas que busca solucionar partes da cidade fragmentadas con graves problemas de mobilidade, accesibilidade e cohesión social.

Partindo dunha dramática situación do espazo-fisura urbana no que se inserta para coser a cidade, atopa ao tempo unha reflexión plástica entre a arquitectura e a tecnoloxía. Por un posicionamento rotundo que demostra a practicidade da colaboración entre los distintos campos del deseño en la resolución de las problemáticas urxentes de un más coherente futuro urbano.

O Xardín de Panchés (A casa das silvas), no Concello de Carnota, de Arturo Franco

Por unha proposta que profunda na materialidade do inasible, o paso do tempo, que deambula entre o esquecido do uso e a ruína colonizada pola natureza. Pola construción dun relato que é a base de todo proxecto, tamén do de ínfima escala ou o da reflexión teórica que acompaña á arquitectura do xardín. Neste caso unha profunda reflexión sobre o xardín e a vexetación espontánea e a súa posible interpretación contemporánea, antes e despois da arquitectura e os seus habituais habitantes os humanos.

Mellora e acondicionamento do “Carreiro do Rollo”, entre as rúas Rollo e Victoriano Pérez Vidal, en Salceda de Caselas, de MUN Arquitectura, Deseño e Urbanismo

Por achegar á comunidade dun novo espazo como lugar de encontro, convivencia e memoria colectiva, anteriormente un rueiro degradado e esquecido urbanisticamente, recuperando así ese valor público comunitario das “corredoiras”, no imaxinario colectivo de Galicia. Por ser exemplo da importancia de recalcar o valor social e público da arquitectura e o urbanismo de menor escala en tanto ferramentas para un deseño humano, coherente e resolutivo, que mellore a convivencia veciñal e interxeracional a través de intervencións de pequeno tamaño tan necesarias. Por ser unha proposta formal moi coidadosa coa contorna, con harmonía estética e honesta nos seus materiais e solucións construtivas, que soluciona ademais desde unha perspectiva de xénero a circulación nocturna en partes da cidade residuais.

Praza “do Pombal” en San Miguel de Vilela, en Carballo, de Carlos Seoane

Por minimizar o impacto ambiental mediante o uso de materiais locais, como é o granito silvestre, con gran dominio na estereotomía desta pedra, mediante a configuración dos diferentes espazos nesta pequena praza, desde os estáticos aos máis dinámicos. O material pétreo como nexo de conexión dos elementos etnográficos do lugar, unha pequena capela e un pombal, ademais de xerar unha resposta a modo de nodo veciñal, como punto de reunión para distintas actividades, tanto culturais como sociais, revitalizando, por tanto, o rural e os oficios de outrora que se seguen mostrando tan eficaces.

VAD 11. Os arquivos, de Alberto Alonso Oro, Silvia Blanco Agüeira e Ana Gilsanz

Pola constatación de que unha revista científica do mundo do indexado pode demostrar un grao de independencia e coherencia que serve á práctica arquitectónica máis alá da propia investigación. Especificamente no nº 11 da súa serie actual pola importancia relativa do tema dos arquivos como lugar de reflexión e manantial do que debe e pode arrincar todo proceso creativo, tamén o arquitectónico. Fixar o tema do arquivo como memoria asenta os valores transversais do tempo como materia da arquitectura.

Cabane 7L, en Roma (Italia), de Manuel Bouzos

Pola sensibilidade e preocupación nos recursos materiais e económicos para levar a cabo a formalización dunha arquitectura efémera, desmontable e que aposta polo mínimo impacto ambiental para implantarse a par da naturais evitando calquera competencia Por unha sinxela formalización ao uso pedido que conxuga a reflexión sobre un espazo histórico cunha intervención construtivamente concisa e que paisaxisticamente dá resposta a un programa sen perder a oportunidade de relacionarse coa natureza vexetal circundante.

Back to top button