Despois de dous meses formando parte dos listados de centros da terceira idade galegos con casos de coronavirus (tanto entre os seus usuarios como entre os seus traballadores), a residencia de maiores do Barco vén de quedar libre de virus. Así se amosa nos últimos datos facilitados dende a Consellería de Sanidade, que recollen a curación dos dous últimos residentes con Covid-19, así como a do derradeiro traballador.
Deste xeito, neste sábado 23 de maio redúcese o número neto de casos de Covid-19 nas residencias ourensás e tampouco se rexistrou ningún contaxio, segundo Sanidade.
Os casos de usuarios por centro na provincia de Ourense son os seguintes: 1 na R.M Nogueira, 2 en N. S. da Esperanza (Ourense), 6 na Res. S. José Hermanitas (Ourense), 5 na Res. Divino Maestro (Ourense), 1 na Res. DomusVi Ourense,1 na Res. N.S dos Anxos (Ribadavia) e 1 na Res. San Cosme (Rubiá).
No que refire a traballadores, a situación por centro é a seguinte: 1 na Res. Castro Caldelas, 1 na Res. San Carlos (Celanova), 12 en N.S. da Esperanza (Ourense), 5 na Res. San José, Hermanitas (Ourense), 8 na Res. Divino Maestro, San Rosendo (Ourense), 2 na Residencia Galisénior (Ourense), 1 na Residencia Maiores A Porqueira e 1 na Res. San Xoán Río (Trives).