EconomíaEconomíaEn portadaPizarraÚltima hora

A resistencia ao lume da lousa, constatada cientificamente pola Universidade de Oviedo

O estudo, realizado por Víctor Cárdenes e publicado na revista "Construction and Building Materials", deixa claro que a lousa non reacciona ao lume

Cuberta de lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Unha investigación da Universidade de Oviedo vén de confirmar cientificamente a resistencia ao lume da lousa, un material usado frecuente na construción de vivendas. “O traballo ten importantes efectos prácticos porque despexa calquera dúbida sobre a resistencia aos incendios deste material, o que podería ser de gran utilidade no mercado estadounidense”, tal e como se destaca dende a propia universidade. O estudo foi publicado recentemente na revista Construction and Building Materials, unha das máis importantes da súa categoría.

Segundo Víctor Cárdenes, profesor do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo, “o mercado da pedra natural ten as súas dúbidas con respecto á resistencia da lousa para cubertas fronte á acción do lume, sobre todo, no mercado norteamericano. Neste país, a virulencia dos incendios que se desatan cada verán fixo que a lexislación ao redor dos materiais de construción sexa cada vez máis restritiva. Os estadounidenses puxeron en cuestión cousas tan evidentes como a inflamabilidade das rocas naturais empregadas en construción”, afirma este investigador, que asina o artigo.

 

Víctor Cárdenes, autor do libro./ Cedida.

 

O sector da lousa para cubertas, material do que España é, de lonxe, o primeiro produtor mundial e que ten o seu epicentro en Valdeorras, viuse obrigado a xustificar a resistencia ao lume da lousa. “As empresas realizaron distintos ensaios particulares que, na maioría dos casos, non teñen maior fundamento científico que o de expoñer as lousas ao lume e ver que pasa”, apunta o investigador.

Neste contexto, o artigo presentado constitúe unha “aproximación científica e rigorosa ao problema, que deixa claro e sen dúbida que a lousa non reacciona ao lume”, citando á Universidade de Oviedo. “A validez do traballo queda avalada polo prestixio e impacto da revista na que está publicado e o artigo é un bo exemplo de como a Universidade de Oviedo é capaz de facer ciencia e axudar ao mundo empresarial nas dificultades que afronta”, segundo o investigador.

 

Palé de lousa./ Foto: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button