EconomíaEn portadaPizarraÚltima horaVídeos

Pablo Fernández: “O sector da lousa contará cunha vogalía no Consello da Minaría de Galicia”

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas clausuraba a xornada técnica organizada polo Clúster da Pizarra, no que quedaba de manifesto que este sector "inviste máis de 8 millóns de euros en combater o po de sílice"

 

Máis de 60 persoas, reunidas na sede do Centro Tecnolóxico da Lousa, en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), asistían na mañá deste luns 18 de novembro á xornada técnica “Estratexias de Prevención e Loita contra as Enfermidades Profesionais” organizada polo Clúster da Pizarra de Galicia, que contou cos relatorios de catro expertos en materia de prevención de riscos laborais e hixiene industrial, temas aos que as empresas levan “moitos anos dedicando esforzos e creo que por fin estamos na boa liña”. Así o expresaba o presidente do Clúster, Víctor Cobo Arias, durante a súa intervención, destacando a necesidade de que “a Consellería de Economía e Industria siga mantendo, para o próximo ano e os seguintes, as axudas ás empresas para minorar os índices de po de sílice en suspensión”.

Nesta liña se pronunciaba o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, asegurando que a Xunta manterá o compromiso que iniciou en 2018. “Nos últimos sete anos, o Goberno galego concedeu 4,3 millóns de euros en 68 axudas ao sector da lousa para minorar o po de sílice cristalina nas contornas laborais e, así, mellorar a seguridade e saúde dos seus traballadores”, dixo. Unha cantidade, que se suma á realizada polas propias empresas do sector, que rolda os oito millóns de euros, segundo indican dende o Clúster.

 

 

A primeira en falar, en concreto sobre a eliminación do po de sílice e os servizos de prevención, era Mari Luz Álvarez Arias, técnica en Prevención de Riscos Laborais da entidade Saúde Laboral Galega. Explicou que coa entrada da nova normativa fai tres anos, “o sector enfrontouse a un reto”, baseado no desenvolvemento dun “procedemento de traballo novo”, co que se conseguiu “un maior control sobre o po de sílice, con medicións máis precisas e máis representativas do que realmente ocorre nunha nave de elaboración de lousa”.

Para esta experta, o logro que o sector conseguiu, “realmente importante”, é que se iniciou “un camiño de mellora continua para mellorar a saúde dos traballadores”, un avance que permite “contribuír á prevención de enfermidades respiratorias e crear unha contorna laboral máis seguro para todos”.

Sobre as melloras xa implementadas nas empresas, en materia de redución á exposición ao sílice nas industrias do sector, falaban o enxeñeiro Químico, Eduardo García Campos (Cupa Pizarrras) e o enxeñeiro de Minas, Daniel León González (Grupo Cafersa). A humectación nas fases de corte e serrado, a dilución ou introdución de aire limpo nas naves, o encapsulado do traballador en diferentes postos de traballo, a aspiración individual en cada posto, ou a protección de cada traballador,  foron temas postos encima da mesa. Tras realizar un percorrido polas melloras realizadas en cada fase, a conclusión é que “hai aínda moito que probar; a clave é atopar un compromiso entre custo, beneficio e que sexa viable”.

 

 

Das súas intervencións dedúcese que se nalgo avanzou o sector da lousa en materia de prevención é na concienciación dos traballadores. “Non serve de nada que che gastes tres millóns de euros e a xente non se protexa, o cambio é importante desde o punto de vista cultural”, afirmou Daniel León. Isto é algo que a través dos anos, foi materializándose, aínda que os expertos coindicen en que hai que seguir avanzando, “porque podemos desenvolver tests de tamaño e axuste de cada máscara, pero eles son os que han de tomar conciencia de que é a protección máxima da que dispoñemos”, concretou Eduardo García.

Os retos que se expoñen para a industria da lousa en materia de prevención pasan por “responder a unha necesidade técnica enorme”, explicou Javier Madeira García, doutor enxeñeiro de Minas e experto en Hixiene Industrial, encargado de poñer o broce ás intervencións. Segundo contou este experto, “a pesar da falta de medios”, o sector da lousa realizou “unha adaptación proactiva, exemplar” na que o apoio da Xunta “foi clave” e nun escenario a futuro que este experto ve “con optimismo”.

 

 

Falou Madeira García dos valores de concentración de po de sílice establecidos como límite, algo que non garante a seguridade dos traballadores, e instou o sector a seguir traballando no camiño no que o está facendo, adaptando a súa actividade ás esixencias do momento, sen detela. O obxectivo agora ten que ser “actualizar o modelo sectorial para poder facer prevención e non perder o tempo”.

Como broche á xornada, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, anunciaba que o Consello da Minería de Galicia contará, por lei, cunha vogalía en representación do sector louseiro. “No seno deste consello”, avanzou, “un dos primeiros grupos de traballos centrarase na seguridade e saúde laboral, constituíndo un dos eixes da Axenda de Impulso da Minería Sostible de Galicia 2030”.

 

 

Fernández Vila destacou “o esforzo da Xunta na loita contra as enfermidades profesionais no sector da lousa e a aposta pola mellora da seguridade e saúde laboral ata acadar o risco cero”. Para a Administración autonómica este obxectivo é unha prioridade, polo que, tal e como avanzou o director xeral, dará continuidade ás axudas para o fomento da sustentabilidade no desenvolvemento da actividade industrial do sector dos recursos naturais en Galicia.

Para rematar, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas puxo en valor o sector da lousa e resaltou o importante motor económico que supón para a Comunidade galega. “Por iso”, concluíu, “a Administración galega quere traballar xunto ao sector para facilitar un emprego seguro e de calidade, en liña coa Galicia verde e sustentable que impulsa a Xunta”.

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button