EconomíaEconomíaPizarraÚltima hora

Eliseo López: “Valdeorras e Lugo son os principais produtores mundiais de pizarra para cubertas”

Trala sinatura do novo convenio laboral o representante da patronal asegura que "hai que manter o emprego, incrementalo e desenvolver todo o valor que temos"

Eliseo López, representante da patronal do sector da lousa./ Foto: O SIL.

 

No mediodía do xoves 1 de agosto, tras chegar finalmente a un acordo, asinávase por parte da patronal e de UXT o novo convenio da lousa que terá unha duración de tres anos do 2024 ao 2026. Un documento que o representante da parte empresarial Eliseo López valora de forma positiva “tanto para todo o sector como para os traballadores porque se revalorizan os salarios de forma importante por riba seguro da previsión do IPC para os vindeiros anos”. En total é o 11% de revisión salarial porque “dende a patronal da lousa queremos que loxicamente os salarios dos traballadores se revaloricen dun xeito adecuado para que o sector sexa cada vez máis atractivo. Estamos incorporando novos procesos, automatizando as naves e este é un paso máis”, di.

Da outra serie de medidas que se toman con este convenio, Eliseo destaca “a reforma de común acordo coa parte sindical do artigo de complemento de IT porque un dos grandes problemas do sector é o absentismo e nese sentido queremos mellorar os datos para mellorar tamén a produtividadem un dos grandes problemas das empresas en xeral, non só neste sector. Nese aspecto cremos que é positivo que vaiamos mellorando de cara a anos futuros e así as empresas poderán progresar e manter o emprego e se cabe ampliar o número de traballadores do sector”.

Con todo, este convenio chega nun momento complicado, xa que “segundo os datos deste ano e incluso do ano pasado o sector está pasando por certas dificultades de venda, neste caso de comercialización, porque se están resentindo os principais países importadores de Europa (Francia, Alemaña e Reino Unido), que están importante menos toneladas das que viñan importando co cal hai un problema agora mesmo de mercado”, di Eliseo, explicando que, malia que as empresas están buscando novas solucións noutros mercados esperando que se recupere o número de toneladas exportadas “a última estatística que temos é que baixamos nun 7% as toneladas exportadas e un 5% a facturación con respecto ao ano pasdo. Non son bos datos pero esperamos que á volta de vacacións se recupere o mercado sobre todo nos países clave como Francia e Reino Unido para finalizar o ano de forma polo menos adecuada”.

Á hora de buscar a causa deste descenso nas exportacións o representante da patronal asegura que non só o está a sufrir o sector da lousa. “Pasa tamén co do granito e outros sectores que teñen que ver coa pedra ou outro tipo de materiais porque a construción está pasando por dificultades e non só hai un factor a ter en conta, son varios. No contexto mundial están as dúas guerras a ambos lados; por otra banda os custos das empresas subiron de forma importante; a construción en Europa non está tirando como debería e todo isdo forma un cóctel complicado para que se constrúan moitas casas e tellados. Nese aspecto esperamos que esta coxuntura se estabilice e volvamos aos valores de hai dous anos. O sector recuperárase despois do Covid pero agora está pasando pour un bache que esperamos se poida superar”.

Eliseo tamén é tallante ao asegurar que a pesar de todas as dificultades “o sector da lousa concentrado esencialmente en Galicia, na zona de Valdeorras e Lugo é o primeiro produtor mundial de pizarra para cubertas. Ten máis de 4.000 traballadores, estamos dando traballo e desenvolvendo moitas zonas rurais que sen a lousa realmente quedarían avocadas case á nada”. Neste sentido, recoñece que son os primeiros en “responsabilizarnos de que hai que manter o emprego, incrementalo e desenvolver todo o valor que temos porque a lousa é o produto de maior calidade e durabilidade que podes poñer nun tellado, ben sexa nunha basílica, nun pazo ou nunha vivenda unifamiliar de Europa e do mundo e iso temos que facelo valer e no futuro seguir apostando por ela”.

Artigos relacionados

Back to top button