CulturaCulturaEn portadaÚltima horaVídeos

A Rúa acolle a estrea das Xornadas Florenciófilas coas que Valdeorras pon o broche ás Letras Galegas 2022

A mesa literaria contou coas intervencións de Xosé Ramón Pena, Víctor F. Freixanes e Xesús Alonso Montero

 

O proxecto As Letras de Florencio pecha o Ano Florencio Delgado Gurriarán cun programa que se desenvolve esta fin de semana na Rúa, Petín, O Barco de Valdeorras e Rubiá para facer partícipe a toda a veciñanza que se implicou na reivindicación da memoria do poeta e veciño. As Xornadas Florenciófilas reúnen unha ducia de voces que profundarán no legado do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou o pasado Día das Letras Galegas (que cede o testemuño este 2023 a Francisco Fernández del Riego) facendo balance do que deu de si este ano na visibilización dunha figura central do exilio galeguista en México e das letras e do galego de Valdeorras.

 

 

A inauguración tiña lugar na tarde-noite deste venres 18 de novembro nun acto celebrado no segundo andar do Centro Cultural Avenida da Rúa, espazo que quedou pequeno para acoller ao numeroso público, e que contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Na apertura deste simposio, organizado co apoio da Xunta, a Real Academia Galega, a Deputación de Ourense, o Consello da Cultura Galega, o Instituto de Estudos Valdeorreses e varios concellos da comarca de Valdeorras, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lembrou que “con Florencio Delgado Gurriarán rendémoslle homenaxe tamén ás persoas que levaron consigo ao exilio, e alí mantiveron e defenderon, a lingua galega, e, como non, tamén ás terras de Valdeorras das que a súa poesía nos fala con frecuencia”. Xunto a Valentín García tamén interviu neste acto inaugural o alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández encargado de dar a benvida aos asistentes, así como aos ponentes “un parnaso de especialistas”, en palabras do secretario xeral, antes de dar paso á directora do proxecto, Débora Álvarez, moderadora da mesa.

 

 

As Xornadas Florenciófilas terán lugar entre hoxe e o domingo en catro puntos da comarca. Divididas en catro bloques temáticos, o primeiro deles, a chamada mesa literaria, tiña lugar este serán a continuación do acto inaugural e nela participaron Víctor F. Freixanes, Xesús Alonso Montero e Xosé Ramón Pena, autores estes dous últimos de dúas antoloxías sobre Florencio Delgado Gurriarán publicadas este mesmo ano.

Xosé Ramón Pena, autor de Obra poética de Florencio Delgado Gurriarán, foi o primeiro en tomar a palabra, para dar unhas pinceladas arredor dos “Poemas mexicanos”, un conxunto de composicións poéticas que Delgado Gurriarán incluíu no seu poemario Galicia Infinda. Pena analizou polo miúdo algúns deses poemas, destacando a modo de conclusión que “sobre todo reflicten a saudade infinda que o poeta valdeorrés ten de Galicia, xa que todo o leva a unha comparación coa súa terra nativa, dende a paisaxe ata a música ou o baile tradicional”.

 

O presidente da RAG, Víctor Freixanes.

 

O segundo en intervir era o presidende da RAG, a quen Débora lle dá as grazas por “permitir render homenaxe a Florencio, por todo o labor que fixeron dende a Real Academia Galega e por aceptar o convite de vir esta noite a Valdeorras a falar das publicacións do exilio”. Freixanes comezou a súa charla falando de “Morelia”, o título dun poema de Florencio adicado a un dos lugares de México no que foron acollidos tantos nenos exiliados de diferentes partes de España. De seguido explicou, unha vez máis que á parte da calidade literaria da obra de Florencio, nomeadamente Bebedeira “unha obra que me encanta, como me encanta o viño”, dende a RAG decidiron adicarlle a FDG o Día das Letras Galegas 2022 “por poñer o foco no exilio republicano galego en México, un lugar ao que nunca foramos e foi moi importante”, dixo Víctor destacando o papel das institucións que creou o galeguismo e as figuras sobranceiras como Florencio que participaron en dúas grandes obras que se crearon en México: a “Revista Saudade” e “Vieiros”, co “coñecemento, capacidade e humildade de Florencio detrás dos proxectos”.

O turno e intervencións pechábao o catedrático Xesús Alonso Montero, un dos responsables da posta en valor e recoñecemento da obra e vida de Florencio Delgado Gurriarán que falou sobre o “Cancioneiro da loita galega” e otros libros “publicados en Sudamérica no ano 43 que nunca chegaron ao seu destinatario que era Galicia, sobre todo dende México que non tiña relacións diplomáticas con España”, dixo Montero puntualizando que “Cancioneiro da loita galega” é un libro de versos dos poetas galegos en México “con Florencio Delgado Gurriarán no papel de asesor e incentivador”.

 

 

O programa seguirá mañá, sábado 19 de novembro con dous actos. Pola mañá a Casa da Cultura (Teleclub) de Petín acollerá a mesa da historia, ás 12 horas coa participación de Telmo Gonçalves, licenciado en Historia; Aurora Marco, catedrática de Didáctica da Lingua, e Camilo Valdehorras, doutor en Filoloxía Románica, para falar do exilio e da posguerra vividos por Delgado Gurriarán. Xa pola tarde, ás 19 horas a Casa do Río Cigüeño, no Barco de Valdeorras, acollerá a mesa da lingua na que Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Concepción Álvarez, doutora en Filoloxía Galega, e Francisco Cobo, investigador barquense, analizarán a obra do escritor do Córgomo.

O simposio concluirá finalmente a mañá do domingo día 20 de novembro ás 12 horas coa mesa das artes que acollerá o centro de interpretación do parque natural Serra da Enciña da Lastra, en Biobra (Rubiá). Para esta última charla, a actriz Raquel Queizás, o produtor Domingo D. Docampo e o músico Ramiro Núñez falarán das distintas adaptacións da vida e obra de Florencio a diferentes soportes e formatos como o teatro, o audiovisual ou a música.

 

 

Ao rematar cada unha das mesas, os asistentes poderán gozar dunha degustación dos produtos gastronómicos máis representativos da comarca de Valdeorras. No caso da mesa desta note na Rúa, os asistentes degustaron viños das adegas Melillas e Alán de Val así como empanada de zorza, aperitivos e torta de roxóns.

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button