A RúaConcellosCulturaCulturaÚltima horaVídeos

A Rúa acolle a presentación de “Con-fluencias” o proxecto en torno á memoria do río en Valdeorras

No Centro Cultural Avenida proxectábase o documental filmado durante os encontros con grupos de mulleres adultas

 

Xurdía o ano pasado nos talleres de estimulación cognitiva celebrados no Barco e hoxe presentábase na Rúa o resultado.

Na mañá deste sábado 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia Machista, o Centro Cultural Avenida acollía a presentación de Con-fluencias, o proxecto creado por Outonía S. Coop. Galega e que mistura arte, memoria e participación comunitaria, co desenvolvemento de talleres nos que participaron mulleres dos concellos da Rúa, Petín, Vilamartín e o Barco de Valdeorras.

 

 

O obxectivo de Con-fluencias é “crear un mapa da memoria da auga na comarca de Valdeorras, e a súa vinculación co río Sil representando as fronteiras físicas, pero tamén as simbólicas vinculadas ao territorio e á memoria”, a través “do diálogo que permita crear un espello das realidades que habitan nas beiras do río Sil. Tanto no momento presente, como no discorrer dos anos, poñendo a ollada sobre os mapas de lugares en desuso, ou que só perviven na memoria, mapas con voz propia vinculados coa memoria da auga e os coidados da vida: os lavadoiros, as fontes, o río, os regatos, os pedragais…”, explican dende Outonía.

Consta de dúas pezas e na primeira indagaron na memoria da auga a través de obxectos e fotografías de arquivo aportados por diferentes mulleres. Coa artista Sol Álvarez como artífice aprenderon como intervir nas fotografías do álbum familiar e noutros arquivos, creando comúns entre as persoas participantes, mulleres de máis de 50 anos que habitan os concellos sinalados.

 

Sol, Paula e Tania.

 

O resultado dos talleres celebrados nos últimos meses foi o que puderon ver os asistentes ao acto na Rúa. “Somos firmes defensoras de que todo proceso debe ter un momento de celebración, de comúns, de encontro e, sobre todo, de permitirnos que as emocións nos acompañen e vertan por fóra”, aseguraban dende Outonía, antes de dar paso, da man das súas creadoras (Paula, Tania, Araceli e Sol) á proxeción do documental filmado durante os encontros con grupos de mulleres adultas e a intervención a través da arte.

Ademais, na entrada do Centro Cultural Avenida fixeron unha instalación coas obras creadas polas participantes do proxecto que quedaron abraiadas co resultado.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button