Andainas-Trails-OrientaciónDeportesEn portadaPiraguismoÚltima hora

A Rúa acollerá en outubro unha das etapas do campionato do mundo de carreiras de aventura

Un centenar de equipos de vinte países competirán en Galicia ao longo de 620 quilómetros para acadar o título de campión mundial nas modalidades de ciclismo de montaña, trekking e kayak

Equipo participante na edición 2019 do campionato./ Foto: Antonio Aradas.

 

Un mes despois de acoller o final da primeira etapa da Volta Ciclista a España Feminina, A Rúa volverá ser protagonista dunha proba deportiva de carácter internacional.

Desta volta trátase do Raid Gallaecia Adventure Racing World, o campionato do mundo de carreiras de aventura, nas modalidades de ciclismo de montaña, trekking e kaiak, que reunirá en Galicia a case un centenar de equipos de máis de vinte países que competirán polo título mundial nas súas modalidades.

As competicións deportivas celebraranse ao longo de 620 quilómetros en diferentes paraxes galegas das provincias da Coruña, Lugo e Ourense, como as Fragas do Eume, a Serra do Courel, a Ribeira Sacra ou Manzaneda, e percorrerá distintos tramos do Camiño Francés, o Camiño Primitivo, o Camiño de Inverno, o Camiño Inglés e o Camiño do Norte, ao longo de máis de 50 concellos entre os que estará A Rúa, na comarca de Valdeorras, ou Quiroga no sur de Lugo. “Ao tratarse dunha competición de aventura non fan público o percorrido ata uns días antes polo que de momento non sabemos exactamente que día pasará pola Rúa”, asegura o concelleiro de Deportes rues, José Vicente Solarat, esperando que non coincida na primeira fin de semana do mes cando teñen a Copa Deputación de Piragüismo (o sábado) e o Gran Premio de Montaña (o domingo).

 

 

A presentación deste campionato, que arrancará o 29 de setembro na Coruña e rematará o 10 de outubro, era presentado hoxe na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, nun acto no que o vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, e representantes dos concellos polos que pasará, salientou a importancia deste evento nun momento tan significativo para Galicia como o dobre Ano Santo, xa que o campionato mundial de deporte de aventura terá unha repercusión internacional sen precedentes, cunha potencial audiencia de 750 millóns de persoas que coñecerán as potencialidades de Galicia e as posibilidades do Camiño de Santiago como destino seguro e de calidade.

 

Presentación do evento en Santiago de Compostela.

 

Artigos relacionados

Back to top button