DeportesEnduroÚltima hora

A Rúa acollerá o 26 de marzo unha proba de enduro extremo da Liga Galega da Moto de Campo

Imaxe do enduro extremo celebrado na Rúa en 2019./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

Tres anos despois da última proba e unha vez superada a peor parte da pandemia, Valdeorras prepárase para unha nova carreira de enduro extremo.

A Xtrem A Rúa, puntuable para a Liga Galega da Moto de Campo, celebrarase o 26 de marzo en horario de mañá e de tarde. “Será parecida á anterior celebrada no 2019, cuns 15 quilómetros de percorrido”, adianta Ramiro Folla de Rúa Motor, explicando que os pilotos afeccionados contarán con tres horas para completar o circuíto mentres que os da categoría pro (que deben dar dúas voltas) terán seis e media.

 

 

A proba comezará co prólogo ás 10 horas na explanada que hai diante da gasoliñeira, na céntrica rúa Campogrande, e xa ás 12 horas dará inicio a carreira propiamente dita polos montes da localidade.

Organizada pola LGMC (Liga Galega da Moto de Campo), esta proba de enduro exrtremo conta coa colaboración do Concello da Rúa, da Deputación de Ourense e do Inorde, ademais de diferentes empresas, e incluirá unha cea e un concerto de Clon Bois pola noite.

Tal como indica Ramiro Folla, esperan contar con pilotos de nivel tanto nacionais como internacionais, ademais dos da comarca onde se mantén a afección por este deporte.

 

Artigos relacionados

Back to top button