A RúaConcellosÚltima hora

A Rúa contará cun espazo “coworking” para impulsar o emprendemento

Na provincia crearanse outros 2 (no Irixo e San Cibrao das Viñas) impulsados pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía en colaboración coa EOI

Panorámica da Rúa.

 

No primeiro trimestre do vindeiro ano activáranse tres novos espazos coworkings na provincia de Ourense. Este tipo de lugares de traballo, destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, están deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, e teñen permitido ata o de agora impulsar un cento de iniciativas emprendedoras na provincia.

Os novos espazos coworkings, que desenvolve a Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do Igape e en colaboración coa Escuela de Organización Industrial (EOI), situaranse na Mancomunidade do Carballiño (con sede no Irixo), en Valdeorras (con sede na Rúa) e en San Cibrao das Viñas (no Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole), tendo como obxectivo principal que os emprendedores poidan poñer en marcha os seus proxectos empresariais.

Neste sentido, os coworkings, máis alá do propio espazo, ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.

Os novos espazos configuran, así, un lugar de traballo colaborativo posto a disposición no Irixo, A Rúa e San Cibrao das Viñas, favorecendo o impulso de zonas rurais ao achegarse un programa de alto valor engadido a estas contornas.

Estes espazos empregaranse varias veces por semana, para as sesións de formación e para as titorías co mentor. Cada edición do coworking terá unha duración aproximada de entre 5 e 6 meses.

Esta iniciativa enmárcase dentro da rede de aceleradoras que apoia o Goberno galego e da que forman parten programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting For Good Galicia ou as business factories vinculadas á industria da automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood) e o aeroespacial (BFAero).

Artigos relacionados

Back to top button