ConcellosÚltima hora

A Rúa despide a Pepe Couso

Vinculado ao Concello durante corenta anos, foi presidente do Casino e do C.D. Rúa
Pepe Couso na homenaxe da XII Festa do Codillo ao C.D. Rúa. /Foto: Carlos G. Hervella.

Paseando pola vila co periódico baixo o brazo e o cigarro nos beizos. É unha das imaxes máis coñecidas de José Couso Sotelo, un dos veciños máis coñecidos e queridos da Rúa que falecía nesta fin de semana.

Vinculado ao Concello durante máis de corenta anos onde desempeñou o labor de secretario, ao longo da súa vida, Pepe ou simplemente Couso como todo o mundo o coñecía, participou activamente en diversas actividades de tipo social destacando o seu cargo como presidente do Casino da Rúa e do C.D. Rúa que este ano celebrou o 50 aniversario.

 

Couso saudando a un dos pequenos do C.D. Rúa./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

A súa vinculación co equipo de fútbol da vila foi moi forte, formando parte importante do club, ata o punto de recibir merecidas homenaxes. Unha delas tiña lugar en agosto de 2016 por parte dos veteranos facendo o saque de honra no triangular da Festas de Verán, e outra hai apenas catro meses. No marco da XII Festa do Codillo, o Concello da Rúa homenaxeaba ao C.D. Rúa polo medio século de historia que cumpría sendo parte protagonista os diferentes presidentes que pasaron polo club.

O maior e dos primeiros foi precisamente Couso, quen falou con paixón ante os asistentes, asegurando que o máis importante era “a unión do pobo co club que logrou que todos os que participamos empregaramos todas as nosas forzas por sacalo adiante”, e lembrando que aos nenos que xogan ao fútbol estanos educando para o futuro. Ao día seguinte do multitudinario acto, o propio club entregáballe a Pepe a bufanda conmemorativa do aniversario.

 

Membros do C.D. Rúa na homenaxe aos presidentes do club. Couso está no centro. /Foto: Mónica G. Bellver.

 

O sorriso afable e tranquilo de Pepe Couso apagábase definitivamente o sábado 18 de maio aos 82 anos de idade, tendo lugar o funeral na tarde do domingo día 19 na igrexa parroquial de Santo Estevo.

Ata sempre Couso.

 

Artigos relacionados

Back to top button