A RúaConcellosÚltima horaVídeos

A Rúa Vella abre a tempada de magostos cunha multitudinaria festa

 

Malia o cambio de ubicación (a chuvia obrigaba á organización a instalar unha carpa no adro da igrexa de Santo Estevo), a Festa do Magosto da Rúa Vella que este ano chegaba á XVII edición, volveu ser un éxito de convocatoria.

En torno á oito e media da tarde deste sábado 22 de outubro arrancaba unha das edicións máis multitudinarias deste magosto que abre a tempada na comarca, e na que se daban cita unhas 400 persoas, superando o número de asistentes da pasada edición celebrada aínda en tempos de pandemia.

 

Asando as castañas. /Foto cedida.

 

Coas castañas asadas xa pola tarde e todo preparado, no interior do adro colocábanse os membros das Asociación Sabugueiro que, colocados en cadea ían entregando aos asistentes o menú (bolo preñado, pizza, biscoitos, bullotes, auga e viño). No decurso da festa na que non faltou a música, tamén se sorteaban diferentes produtos e artigos doados por negocios do pobo.

Para a vindeira fin de semana, o 29 de outubro a Asociación Sabugueiro ten programado o ‘Samaín na Rúa Vella’ a partir das cinco da tarde, especialmente pensado para os máis pequenos da vila.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button