A RúaConcellosÚltima hora

A Rúa xa conta con ordenanza reguladora para pisos de emerxencia social e vivenda social

Era aprovada coa abstención do Partido Popular, no Pleno celebrado o luns 6 de maio

 

Cos seis votos do equipo de Goberno (BNG, PSdeG-PSOE e RUA) e a abstención dos 5 membros da oposición (PP), no Pleno do Concello da Rúa do mes de maio, celebrado o luns día 6, saían adiante as ordenanzas (reguladora e fiscal) para pisos de emerxencia social e vivenda social expostas por Luís Fernández Gudiña quen indicaba que o Concello conta neste momento con dúas vivendas (esperan contar con 4 máis no Grupo Escolar e 6 nas antigas vivendas do MOPU para crear unha carteira) para as que faltaba establecer un marco regulador para poder adxudicalas.

Segundo explicou Fernández Gudiña a ordenanza reguladora de criterios de adxudicación, normas de funcionamento e utilización dos pisos consta de 25 artigos e dous apartados, por unha banda os pisos de emerxencia social (a disposición daquelas persoas que por unha emerxencia necesitan unha vivenda de carácter inmediato) e as vivendas sociais.

 

 

Nesta ordenanza establécense uns “requisitos económicos acreditativos da situación de necesidade de vivenda, considerando que unha unidade familiar atópase en situación de necesidade cando os ingresos anuais ponderados non superan os 15.000 euros”, explicaba Luis, incidindo en que “para ser beneficiarios dunha cesión de vivenda social débese acreditar uns ingresos anuais de 3.000 euros”. Na exposición, Luis avanzaba que unha vez aprobada a ordenanza establecerase unha listaxe de solicitantes que se irá renovando cada seis meses. “Vencido este prazo farase unha nova lista incluíndo as novas solicitudes admitidas”, explicou, indicando que o tempo de ocupación de estas vivendas será dun “máximo de dous anos prorrogables por outros dous”. No caso do piso de emerxencia social a ocupación será de seis meses.

No que respecta á parte fiscal, establécese unha fianza tanto para o piso como para a vivenda. “No caso do piso de emerxencia será de 135 euros que terá que ser abonada no momento que se conceda, no das vivendas sociais a fianza é a cantidade correspondente a unha mensualidade da taxa para a unidade adxudicataria”. Con relación as tarifas que se aplicarán, “no caso da vivenda de emerxencia social abonaranse 135 euros mensuais; no da vivenda social será dun 15% dos ingresos ponderados anuais da unidade familiar”, aclara o socialista.

 

 

No seu turno de intervención o voceiro popular, Álvaro Fernéndez asegurou alegrarse de que elaboraran a ordenanza, desexando que as vivendas sexan concedidas a que realmente as necesite, pero criticando a tardanza e non ter contado coa oposición para a súa elaboración, de aí a súa abstención.

No Pleno de onte tamén se aprobaba, por una unanimidade, o convenio coa CIUG para a celebración da ABAU neste ano, que pode sufrir un incremento nos custe (en caso de que haxa alumnos con necesidades específicas); e tamén por unanimidade, a inclusión na orde do día primeiro e a adhesión despois ao convenio da Deputación e a ACCU Ourense (Asociación de Crohn e colite ulcerosa), que ten como obxectivo “tratar de facilitarlle a vida ás persoas que teñen estas doenzas”, explicaba María González Albert.

No turno de rogos e preguntas, o líder da oposición preguntou entre outros temas, pola celebración da Festa do Codillo, polas obras en diferentes rúas especialmente a Doutor Vila e pola ubicación das Festas de Verán ao que José Vicente Solarat respondía que están barallando varias opcións e dependerá do espazo que teñan.

Fotos: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button