Na tarde deste domingo 18 de maio, o CD Barco e a praza do Príncipe eran os verdadeiros protagonistas. Alí remataba a “ruada do campión” tras percorrer a estrada principal da vila cos xogadores do Centro de Deportes Barco.







A falta da XLIV Copa Deputación de Ourense (está clasificado para semifinais tra vencer 0-3 a La Purísima) o equipo adestrado por Lino Estévez pechaba unha gran tempada co título de liga na man e o esperado ascenso a Terceira RFEF, categoría á que regresaban dúas tempadas despois. Dous logros que quixeron compartir coa afección nunha intensa xornada que comezaba na igrexa e remataba na praza.








Na recta final da misa dominical o párroco Jesús Álvarez Álvarez recibía ao equipo. Os nenos eran os encargados de levar o trofeo, seguidos polos xogadores, corpo técnico e finalmente directiva, que entraban na igrexa cos aplausos dos asistentes.




A festa continuaba pola tarde cunha rolda polos distintos bares da vila e o prato forte, a “ruada do campión”. Coa colaboración da Policía Local, o equipo, acompañado de novo polo corpo técnico parte da directiva (co presidente, Nilo Ramos á cabeza) e os afeccionados, entre os que non faltaban a avoa futboleira do CD Barco, Esperanza, percorrían a estrada central da vila dende o Hospital Público Valdeorras ata a praza do Príncipe, onde ao ritmo da música dos Dj Karayan e Dj Dani Argü bailaban acabando metidos na fonte.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.



